PUBLICIDADE
Luns, 15 de marzo de 2010
A triunfadora da noite
Unha primavera e varias xerras para Aldara

Lara Rozados Mellor espectáculo, mellor dirección (a de Xúlio Lago), mellor actriz protagonista (María Bouzas), mellor texto orixinal (Teresa Moure) foron algúns dos sete galardóns que levou 'Unha primavera para Aldara', de Teatro do Atlántico, na XIII gala dos María Casares, este mércores á noite na Coruña.

Reloxo 26.03.2009 | 10:26

Teresa Moure recolle o XIII María Casares a mellor texto orixinal por 'Unha primavera para Aldara' Teresa Moure recolle o XIII María Casares a mellor texto orixinal por 'Unha primavera para Aldara'. L.R.

Tíñao bastante claro, con nove candidaturas, das que finalmente levou sete: a primeira vez que Xúlio Lago subiu ao escenario foi para recoller o galardón de mellor iluminación, e contra o final da noite volvería subir para levar o de dirección. Tamén Teresa Moure recolleu a súa xerra, grazas a un texto co que xa gañara o XIII Rafael Dieste, e unha emocionada María Bouzas subiu ás táboas pisando forte recoller o seu como mellor actriz: "Sempre é un pracer estar aquí, na casa, no teatro, e compartir o premio con dous animais escénicos coma Elina Luaces e Luísa Merelas (candidatas ambas as dúas por O club da calceta, de Teatro do Morcego)".

O equipo completo subiu ás táboas do Teatro Rosalía de Castro, da Coruña, para recoller o premio ao mellor espectáculo, de mans do alumnado da ESAD que realizou diversos espectáculos de danza ao longo do evento. Eles, xunto cos zancudos de Zancalino, puxéronlle cor e emoción a unha gala conducida por Josito Porto coa crise como leit motiv, con guión de Mariana Carballal e música en directo a cargo de Anxo Graña. As outras dúas xerras que levou este espectáculo recolleunas Carlos Alonso, pola escenografía e o vestiario que reproduciron un convento en plena revolta irmandiña.

As outras favoritas eran Aeroplanos, de lagarta, lagarta, que finalmente levou o María Casares a mellor adaptación ou tradución de texto. Neste caso, foi Olga Nogueira quen recolleu o premio. Ela trasladou o texto do arxentino Carlos Gorostiza ao galego xunta Avelino González, e ao recoller a xerra anunciou "ao corpus da lingua galega vaille facer falta, nos próximos anos, amais de botar a lingua, ensinar os dentes".

Obra (No comment) de PT Excéntricas era outra das preferidas. Finalmente, recolleron a xerra de Sargadelos que reproduce o rostro da actriz coruñesa Vitor Mosqueira, como actor principal (tíñao difícil, competindo co dúo protagonista de Aeroplanos, Ernesto Chao e Xosé Manuel Olveira "Pico"), e Suso Alonso pola música orixinal.

A diferenza do ano pasado, en que Noite de reis arrasara coas estatuíñas, este ano só houbo unha para o CDG, e foi para a actriz Rebeca Montero, como mellor secundaria, por A boa persoa de Sezuán. Competía con outra das grandes, Belén Constenla, a quen lle deu un sentido bico antes de subir pola xerra, e coa nova e prometedora Lucía Regueiro, ambas as dúas por Unha primavera para Aldara. "Eu hoxe estaba aquí para aplaudirlles a Belén e a Lucía", afirmou a actriz, quen tivo unha lembranza para Marisa Soto, a quen lle recolleu un premio hai anos.

O mellor secundario foi Artur Trillo pola obra de Talía Teatro E ti, quen vés sendo? Outra xerra para os andeis do actor, que coa súa compañía xa conseguira outro por Bicos con lingua no 2004, daquela como protagonista. Por último, o Premio María Casares de mellor maquillaxe foi para Cristina Couto, polo seu traballo para Dáme veleno, eu tamén soñar, de Sarabela Teatro.

Crise e recordo dos ausentes

A crise foi o fío condutor dunha gala que comezou cun apurado Josito Porto "chegando tarde", vestido co chaleque reflectante, luvas e casco, que houbo vir en tren e bicicleta ao Rosalía. "Vannos falar a nós de crise, á xente do teatro, que fomos quen inventou a crise", ironizou.

Mesmo a actriz Rosa Álvarez, encargada de repartir, xunta a directora do CDG, Cristina Domínguez, os últimos premios, subiu dálos "co bolso, que non me fío de deixalo por aí", e amosando unha carreira na media. O convenio que logrou a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a promoción do catálogo de actores e actrices, e outras medidas encamiñadas a "normalizar laboralmente" a profesión tiveron tamén unha forte presenza na gala, tanto no discurso do presidente da AAAG, Vicente Montoto, como no manifesto galego do Día Mundial do Teatro, que leu o autor Gustavo Pernas.

Neste ano de fondas ausencias, houbo tamén momento para a lembranza: a actriz Mariajo Mosteiro, o actor Xan Guisán, o escenógrafo Pablo Seoane, Xaquín García Marcos, Anxo Ballesteros, Xaime Quesada, a profesora Elena Atienza e o motor da Mostra de Teatro de Ribadavia, que precisamente hai un ano recollía o premio de honra Marisa Soto, Rubén García, estiveron presentes dalgún xeito sobre as táboas.

Quen recolleu o Marisa Soto de honra este ano, a escritora e periodista Ana Romaní, quixo dedicarlle o premio ás persoas que ao longo de 19 anos pasaron polo programa Diario Cultural da Radio Galega, e nomeou o equipo actual e o crítico Camilo Franco. "Facemos o que temos que facer, cumprir o deber dun programa cultural nunha radio pública". Tamén lle dedicou o premio "á persoa da que aprendín dende moi pequena a amar o teatro: miña nai".

Houbo lugar tamén para a reivindicación, dende a camiseta de Adolfo Naya, da CIG, que entregou un dos premios ("Galiza libre de transxénicos"), pasando pola dedicatoria do premio de Vítor Mosqueira, "á clase obreira e traballadora", até a crítica de Xúlio Lago cando recolleu o galardón á mellor dirección: "quixera transmitir o meu medo, o meu temor, a que calquera cambio político poida paralizar o que tanto esforzo custou". Que "non haxa intención de dar saída ás convocatorias de produción e distribución", ten á profesión teatral "por unha parte, asombrada, e pola outra preocupada". A seguir, Josito Porto convocou a profesión para loitar: "os tempos son malos, pero loitade, Co convenio na man, loitade".   

 

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río