
Alcantara, debaixo da Ponte 25 de Abril.
1 / 4
No meu bairro lisboeta hai agora unha polémica. Alcántara http://pt.wikipedia.org/wiki/Alcântara_(Lisboa) é unha antiga zona portuaria lisboeta, con todo o que iso conleva. Ao longo do río Tejo desenvolveuse unha ampla actividade, propia dunha cultura virada ao mar como é a lusitana.
Alcántara foi, igualmente, área de asentamento da industria téxtil portuguesa.
Coa decadencia sobrevida pola substitución do capital tanxíbel polo capital volátil das bolsas e demais operacións especulativas, que non fabrican produtos palpábeis que se poidan exportar en barcos e só crían fantásticas cifras que os humanos nunca alcanzamos a comprender, esa actividade portuaria e téxtil perdeu peso. Co tempo, a restauración e a hostalería viñeron ocupar as antigas naves e edificios, recuperándose así a vida ribeiriña, dándolle un segundo alento ao bairro de Alcántara, unha das zonas da movida nocturna na que vale a pena espraiarse.
Na zona das Docas, xusto debaixo da Ponte 25 de Abril, un espectáculo visual desprégase preguizoso ante os nosos ollos atónitos pola beleza do río, da arquitectura industrial recuperada, das embarcación de recreo, incluídos os maiores transatlánticos do mundo, sempre de paso por Lisboa, atracados alí mesmo ao alcance da man.
En Alcántara podémonos divertir sen molestar a ninguén, comer, bailar, estremecer co barullo da ferranchina da ponte que vibra ao paso do tren e do tráfico rodoviario. O meu bairro é, pois, un cruce de camiños e unha festa para os sentidos.
Ampliar o porto
Mais agora, seica queren ampliar a zona de depósito de contedores, erguendo unha muralla de 13 metros de altura, equivalente a cinco contedores, que cegará o río até as Docas. A historia é coñecida: unha empresa privatizada, un presidente executivo da empresa colega do goberno do Engenheiro Sócrates, unhas ganancias, tal vez unhas comisións... e que nos dean aos moradores. Unha forte contestación desatouse, liderada polo escritor Miguel Sousa Tavares, coa adhesión de 40 dos 53 presidentes de xunta de freguesía de Lisboa e un montón de xente máis. http://ultimahora.publico.clix.pt/noticia.aspx?id=1348256
Desde a xanela, vexo o edificio da xunta (de freguesía) http://diario.iol.pt/sociedade/alcantara-contentores-peticao-presidente-da-junta-de-freguesia-comboio-terminal/1006669-4071.html. Que estarán a organizar agora para evitar a desfeita?
Así que mellor será saír á rúa, é hora xa de xantar, as sete e meia da tarde. Se vindes a Alcántara, recoméndovos hoxe o Restaurante do Mercado. Parede con parede coa praza, o peixe salta desde os postos das pescantinas ao frigorífico do local, no mostrador da entrada, como un escaparate orgulloso que quere mostrar ao público as súas calidades, deixando á vista que aló se cociña con transparencia e sen vedetes mediáticas que deturpen sabores e arrecendos. Porque o peixe e as viandas, pasadas polo televisor e polas brasas dun mass media, enrudecen o padal, perden consistencia e acaban por cheirar mal na boca do pobo.
O restaurante é popular, dada a relación calidade-prezo, excelentes ámbolos dous. Alén do peixe, nese local atoparedes a mellor salada de frutas de Lisboa, as ovas máis exquisitas (lembrade que esquizito, en portugués, é raro, friki), uns viños excelentes e a amabilidade de toda a xente que traballa no restaurante.
Mais se o que queremos é unha experiencia mesmo moi forte, abonda con apañar o tranvía que nos levará ao Alto da Ajuda http://pt.wikipedia.org/wiki/Ajuda_(Lisboa) . Como dicía Kavafis http://www.cancioneros.com/nc.php?NM=1706 , o importante é o camiño, que non desmerece en nada as marabillosas vistas da cidade despregadas desde os seus miradoiros e recunchos. No Alto da Ajuda o rei fixo levantar o seu pazo, con iso xa vos digo todo, que parvos non eran os reis, polo menos antes. Como consecuencia do terremoto de 1755 http://sol.sapo.pt/blogs/olindagil/archive/2007/11/19/O-terramoto-de-1755.aspx , a familia real viuse constrinxida a abandonar o Palácio da Ribeira, na Baixa, e trasladarse á Real Barraca da Ajuda http://www.ippar.pt/monumentos/palacio_ajuda.html –así se chamaba, non é unha ironía-, de onde fuxiron logo para o Brasil levando o Imperio, por temor -xustificado- ás invasións napoleónicas. Aqueles si que eran tempos! Pobre xente, cantos avatares.
Apareceu a Virxe
No Alto da Ajuda apareceu tamén a Virxe, segundo está documentado, dando así paso a un asentamento da nobreza que quería ver se lle prendía un pouco da súa santa virtude no pelexo.
O tranvía que leva desde o Mercado de Alcántara até Ajuda é o Eléctrico 18. Mais ollo ao cruzar a rúa! Dos 11.520 accidentes contabilizados no 2007, o 43 % foron atropelos de transeúntes que se atreveron a pisar o asfalto. Dous terzos das vítimas mortais rexistradas no pasado ano foron peóns e motociclistas.
Pero non vos preocupedes que as autoridades están xa sobre o asunto. O Sr. Paulo Marques, presidente da Autoridade Nacional de Segurança Rodoviaria (ANSR) avisou que comezarán a multar os viandantes que mostren un comportamento inadecuado aos ritmos das grandes cidades. “Os viandantes non necesitan carné de conducir para andar polos paseos e iso lles retira moita responsabilidade nos accidentes”, salientou o responsábel da ANSR. Se cadra, até era bo introducir o carné de peón, digo eu, nono di o Sr. Paulo, que eu saiba.
Xa o Sr. Mário Alves, asesor para a mobilidade da Cámara Municipal de Lisboa, sinalou que era un bo dato a diminución de mortes de nenos por atropelos. Mais lamentou que “As crianças están cada vez máis pechadas na casa” http://carmoeatrindade.blogspot.com/2008/12/pees-e-motociclistas-so-dois-teros-das.html . Efectivamente, agora reparo que levo uns meses sen ver a ningún neno! Onde se terán metido eses carallos, que van por aí sen carné, tirándose debaixo dos pobres coches?
Descargar Tarifas