Redacción . A Oficina de Software Libre (OSL) da Univesidade de Santiago participa este mércores 25 na conmemoración do Día Mundial para a Liberación dos Documentos. Trátase dunha iniciativa que quere educar o público acerca da importancia do Documentos en formatos Libres e Estándares Abertos.
Ao contrario que formatos propietarios como o DOC de Microsoft, estes arquivos están aceptados como estándares internacionais, polo que calquera empresa ou particular poden aproveitar ao máximo as súas capacidades e lanzar programas para traballar con eles. Son, por exemplo, formatos tan populares como os PDF –o estándar de facto para publicar textos legais– ou os ODT –o formato no que traballa o OpenOficce.org.
Por exemplo, no caso dos arquivos .DOC, cos que traballa o Microsoft Office, a OSL explica que é "un formato propietario, binario e fechado, polo cal só o procesador de textos MS-Word o entende cabalmente, e para iso nin sempre. Se ben o procesador de textos MS-Word está amplamente espallado, é un aplicativo propietario, e non especialmente barato, que ademais só ten versións para dous sistemas operacionais, o Windows e o Mac OS". Problemas entre diferentes versións e á hora de imprimilo son outras das eivas deste formato propietario, destaca a OSL.
A OSL colaborará coa liberación de documentación e a difusión de formatos que garantan a interoperabilidade dentro da comunidade universitaria. Ademais durante o vindeiro mes de Abril a OSL percorrerá os diversos centros universitarios coa iniciativa chamada Puntos de Información nas Facultades (PIF) que aconsellará e difundirá o uso de sistemas operantes e formatos libres e abertos.
O obxectivo deste Día Mundial para a Liberación dos Documentos é colaborar con equipos locais de todo o mundo onde participan milleiros de persoas e entidades co fin de fomentar o uso destes formatos. A efeméride, que no 2009 se celebra por segundo ano, pretende converterse nunha cita estábel que se lembrará o último mércores do mes de marzo.
Descargar Tarifas