Redacción . O Consello da Comisión Nacional da Enerxía (CNE) proporalle ao Goberno que as tarifas eléctricas queden conxeladas no segundo trimestre do 2009 e pedirá unha rebaixa do gas natural de entre o 8,6 por cento e o 14,5 por cento.
Tendido eléctrico
Na proposta de revisión da factura eléctrica, o organismo apunta que a tendencia de caída na evolución dos prezos determina "unha redución no prezo de enerxía implícito nas tarifas integrais". Ademais, tendo en conta que as tarifas de acceso non son suficientes para cubrir os custos de acceso, de cara a reducir o déficit actual das tarifas de acceso estima oportuno propor que a citada baixada no termo de enerxía vaia acompañada dun efecto compensatorio nas tarifas de acceso de contía equivalente á redución do custo da enerxía e con destino exclusivo á redución do déficit de tarifas de acceso.
A CNE sinala que esta solución non tería efectos discriminatorios na medida en que lles afectaría a todos os consumidores e non unicamente aos consumidores a tarifa e suporía manter as vixentes tarifas integrais para o segundo trimestre.
En todo caso, considera fundamental abordar unha revisión en profundidade tanto dos custos incorporados nas tarifas de acceso como na determinación do termo de enerxía, "acometendo os cambios regulatorios necesarios para conseguir transmitirlles aos consumidores un sinal de prezos da enerxía eficientes así como a eliminación do déficit tarifario".
Baixada do gas
Respecto da revisión da tarifa de último recurso (TUR) de gas natural, a CNE propón unha redución de entre o 8,6 por cento e o 14,5 por cento en función da tipoloxía do consumidor.
En canto ao gas butano, o regulador calcula que no segundo trimestre debería baixar un 20,44 por cento, na mesma proporción á adiantada recentemente polo ministro de Industria, Miguel Sebastián, durante unha comparecencia no Congreso.
En concreto, a CNE, segundo a actualización do sistema de determinación automática de prezos máximos de venda, indica que o prezo máximo de venda da botella de 12,5 kg. de butano comercial diminúa até os 10,74 euros, fronte aos 13,5 euros actuais.
Descargar Tarifas