PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
BLOG XOSE LOIS GARCIA
Xosé Lois
García
Escritor
No centenario de António Pedro
Polivalente literato caboverdiano, António Pedro, que agora cumpriría 100 anos de estar vivo, desenvolveu un amplo labor e foi fundamental para a creación dunha nova escola dramática.
 24.03.2009 | 13:19

António Pedro António Pedro

António Pedro da Costa (Praia (Cabo Verde), 1909-Moledo do Minho (Portugal), 1966), representa un activo importante na multiculturalidade lusófona. Fillo dun facendeiro e comerciante miñoto instalado en Cabo Verde, e de mai irlandesa. De neno regresou a Moledo, terra do seu pai. De 1921 a 1925 fixo o bacharelato no colexio dos xesuítas da Guarda (Galiza). Estes compoñentes tan diversos convertérono en mecenas de diversos escenarios, tanto en Portugal como en África e Europa.  Estudou nas universidades de Coimbra, Lisboa e París. Pintor, poeta,  dramaturgo e xornalista. António Pedro regresou a Cabo Verde e permaneceu durante os anos 1928-29. Neste último, escribe varios poemas na súa illa nativa, Santiago, configurados no modernismo. Manuel Ferreira, no seu libro No reino de Calibán, coloca a António Pedro como o precursor da poesía caboverdiana en lingua portuguesa na que recolle aqueles sons populares, a musicalidade das mornas que este poeta asimilou conscientemente.

Na década de 1930 atopamos a António Pedro virado cara ao teatro e en 1934, publica en París, en francés, a súa primeira obra que, mais tarde, traduce ao portugués. Desde esta data a 1956, escribe as seguintes obras: Desimaginação, Reginaldo Coral, Andam ladrões cá em casa!, Antígona e O Lorpa. Estas obras conforman o seu teatro completo e foron fundamentais para desenvolver un proxecto de escena nun Portugal onde as letras e as artes do Estado Novo salazarista eran mediocres. António Pedro, ademais de zafarse daqueles conceptos miméticos e do absurdo da época, reanimou e rexenerou a vida teatral portuguesa. Conseguiu publicar varios textos conceptuais sobre o novo teatro e dirixiu o Teatro Experimental do Porto.
As súas estadías en París e, sobre todo, en Londres, onde traballou na BBC durante a II Guerra Mundial, e o Moledo das súas benquerencias son espazos de traballo e reflexión, vitais para súa obra. Toda esa actividade, tan esquematizada na súa creatividade, forneceu toda unha serie de espectáculos que non deixaron de observarse por un inmenso grupo de disidentes das vellas fórmulas teatrais en decadencia.

António Pedro foi o artífice dunha nova literatura dramática e, nesta dirección, logrou acaparar un público cada vez mais numeroso e mais crítico naquel Portugal cheo de preconceptos e de hostilidades. El foi o home que se tivo que enfrontar a moitas incomprensións e a frecuentes imposicións por parte das forzas reaccionarias.

Con mais de 13 libros de poesía publicados; co seu teatro completo representado e revisitado por numerosos estudosos; con múltiplos artigos publicados sobre cultura e literatura lusófona fan de António Pedro o indiscutíbel intelectual da lusofonía.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río