Europa Press . O Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Marino resolveu 188 solicitudes de centrais eléctricas no Miño-Sil, das que concedeu 51, denegou 102 e ten en trámite 35, segundo informou ao BNG o Executivo estatal.
O Goberno, na súa resposta ao BNG, detallou que a provincia de Ourense é a que conta con máis proxectos aprobados –32 aceptados, 60 denegados e 17 en trámite–, seguida da de Lugo –14 concedidos, 31 denegados e 17 en trámite– e Pontevedra, con 5 concedidos, 11 denegados e 1 en trámite. O Executivo central aclarou que das 51 aceptadas, 27 xa están construídas e 24 pendentes de aprobación. Fernández Davila puxo de relevo a proliferación de encoros e demandou unha actuación do Ministerio de Medio Ambiente para "frear" este tipo de construcións que teñen un impacto ambiental "elevadísimo". Neste sentido, o departamento estatal sinalou que, respecto á instalación de grandes centrais de potencia superior a 5.000 KVA, se atopa "en fase de últimas unidades a Central de Caudal Ecolóxico de Frieira, en Pontevedra".
Membros de Adega nunha protesta contra un encoro
A deputada nacionalista Olaia Fernández Davila dirixiuse ao Goberno para poñer de manifesto a súa "preocupación" pola tramitación de novos proxectos dado que "a cunca hidrográfica do Miño-Sil soporta unha presión moi elevada debido ás numerosas centrais hidroeléctricas instaladas".
Descargar Tarifas