
Hoxe lanzouse no parlamento europeo baixo o lema "A escolla é súa" a campaña de comunicación institucional para as vindeiras eleccións europeas de xuño 2009. Arredor de 375 millóns de europeas e europeos elixiremos entre os dias 4 e 7 de xuño os 732 representantes na única institución europea elixida polo pobo. No caso do Estado español, o número de representantes redúcese de 54 a 50, por culpa dos criterios impostos polo daquela representante no Consello Europeo José Maria Aznar, e pouco futuro vese para que, na facultade competencial de poder facelo, se poidan recoñecer as circunscricións propias no caso galego, catalán, vasco como en Escocia e en Gales, que con igual número de votos teñen o duplo de representación.
Unhas eleccións moi importantes para o noso futuro, pois en Bruxelas tómanse decisións de envergadura social e económica nas nosas vidas e sociedades, que fan que aínda sexa máis importante que unha forza nacionalista teña un escano. Se facemos unha enquisa en Galiza de quen son os eurodeputados/as galegos/as nesta lexislatura 2004-2009, haberia grandes dificultades a respostar. Acaso defendeuse a Galiza desde as bancadas do PP e do PSOE en temas que non fosen exclusivamente do interese dos seus partidos? Incluso hai xente que segue pensando que o BNG aínda ten escano. O outro día publicábase unha reportaxe nun medio de comunicación español sobre a actividade de varios eurodeputados, e teño que lembrar, que ningún dos actuais deputados do Estado español chegou ao grao de "produtividade" e presenza que tivo o BNG naquela lexislatura (véxase simplemente o rexistro da Eurocámama; nin do PP, PSOE, ICV, ERC, PNV, EA OU IU).
Imos a 1989, primeira campaña do BNG ao Parlamento europeo. Co lema "En interese dos galegos, Galiza a Europa" empezaba asi o programa: "Galiza está en Europa. Europa comeza nos Urais e remata en Fisterra. O nacionalismo é a única ferramenta que ten Galiza para conquistar unha presenza digna na Europa de hoxe, unha presenza propia. Só asi poderemos construír no futuro, unha realidade política plurinacional, en beneficio de todos os pobos, e e non ao servizo das grandes oligarquías e monopolios".
"Unha Galiza forte nunha nova Europa" foi o lema das eleccións de 1999, nun momento crucial na construción dunha política galega cara a Europa, para darmos a nosa visión á construción dunha Europa nova, alternativa, xusta, democrática, social e cultural, convivindo en respecto mutuo nun mosaico de pobos plenamente relacionados en pé de igualdade e non agresiva para o resto do mundo. O BNG presentábase como a canle de conduto a través da cal Galiza podia falar ante a UE con voz propia, con forza, na que non pedía unha representación para si senón para Galiza enteira. Estes días que revisaba os programas desa época, e as notas de prensa contemporáneas, facíanme pensar que malia que mudaron moitas cousas, na propia Galiza, na Unión Europea e no mundo, con tantos acontecementos, hai cousas que non mudaron dende aquela primeira campaña ás eleccións europeas. Galiza non existe para a Unión Europea, para as institucións europeas e para o parlamento se non é da man do nacionalismo galego. A probas e datos remítome nesta lexislatura europea, na que Galiza desaparece, oficialmente, do debate europeo, e viceversa. Fico no ano 1999 por hoxe, que imos ter moito que falar de aqui ao 7 de xuño, para completar este periplo de Galiza como nación en Europa, iniciado e non rematado.
Descargar Tarifas