PUBLICIDADE
Luns, 15 de marzo de 2010
Dirixe o Diario Cultural dende hai case 20 anos
Ana Romaní, premio de honra dos XIII María Casares

Redacción .  A xornalista e escritora recibirá o Marisa Soto na gala que terá lugar no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, o vindeiro 25 de marzo.

Reloxo 17.03.2009 | 13:38

Ana Romaní, premio Marisa Soto 2009 Ana Romaní, premio Marisa Soto 2009

A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) quere así recoñecer o seu labor a prol "do teatro, o audiovisual e da cultura galega en xeral", á fronte do Diario Cultural da Radio Galega, que dirixe dende hai 19 anos, e é un dos programas diarios de información cultural máis veteranos da radiodifusión galega. Comezou en 1990 e concíbese como un espazo de información, plataforma de divulgación cultural e foro de reflexión e debate atento ás novas fórmulas artísticas e creativas.

Ana Romaní (Noia, 1962) acadou xa recoñecementos coma o I Premio Irmandade do Libro (1992); o Premio Xerais á cooperación no labor cultural (1999); o Premio San Martiño á Normalización Lingüística e Cultural (2002); o Premio da Asociación de Escritores en lingua Galega (2007); o Premio ao Fomento da Lectura na modalidade de radio da Federación de Gremios de Editores de España (2007); e o Premio Atlantida á xornalista radiofónica do Gremi de Editors de Catalunya (2008).

Amais, é autora dos poemarios Palabra de Mar (edición de autora,1987), Das ultimas mareas (Espiral Maior, 1994), Arden (Espiral Maior, 1998), Love me tender. 24 Pezas mínimas para unha caixa de música (colección "Poeta en Compostela", 2005) e o conto "Marmelada de amoras" (colección Biblioteca Nova 33, 1997). A súa obra está recollida en diversos libros colectivos e antoloxías.

Tamén realizou a Antoloxía de Antón Avilés de Taramancos (Galaxia, 2003), coordinou e promoveu o volume de relatos Narradio. 56 historias no ar (Xerais, 2003) do Diario Cultural da Radio Galega, e o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico organizado pola Radio Galega e o CDG (2006).  É autora das biografias de María Mariño, Belén Feliú e Xela Arias para "Album de Mulleres" da web www.culturagalega.org. Tamén é co-autora do estudo Muller e Medios de Comunicación. Imaxe e Protagonismo.

Creou e participou en distintos proxectos artísticos, entre eles O Son da Pedra (1994), de Milladoiro; Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once poetas galegas (1997). da Fundación Rosalía de Catro; Son Delas, coordinado por Uxía Senlle; O outro extremo do paraíso e Lob*s (1998), con Antón Lopo; Estalactitas (2002), con Anxos Romeo e Lupe Gómez; Catro poetas suicidas. Intervención poética contra a levidade (2002) en solitario; e A voz e o poema. Os periplos de Avilés de Taramancos (2003), con Anxo Quintela. Colabora  en publicacións literarias e de información xeral e participou en xornadas sobre temas de literatura, xénero e comunicación.

Premios de honra Marisa Soto
  • 2008: Rubén García, impulsor das mostras de teatro Abrente e de Ribadavia.
  • 2007: Concha Abad, xastra do Centro Dramático Galego.
  • 2006: Dorotea Bárcena, actriz e directora. Directora do Centro Dramático Galego en 1988.
  • 2005: Luís Álvarez Pousa, escritor, xornalista e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago de Compostela.
  • 2004: Padroado da Cultura do Concello de Narón
  • 2003: Celebración dos 25 anos de teatro profesional
  • 2002: Fundación Teatro Principal de Tui
  • 2001: Asociación Cultural Abrente
  • 2000: Manuel Gallart, tramoista e pintor de decorados do teatro Colón da Coruña.
  • 1999: Maruxa Villanueva, actriz e promotora teatral, cuxo grupo foi o primeiro en representar a Castelao en Buenos Aires.
  • 1998: Manuel Lourenzo, actor, director, dramaturgo e dinamizador de diferentes iniciativas teatrais.
  • 1997: Agustín Magán, actor, director teatral e fundador do grupo de Teatro de Cámara Ditea.
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río