Por que está tan contento Rajoy? Non ve que lle están a facer a cama? Calquera indocumentado percebe, á legua, que o triunfo do PP nas eleccións galegas –polos pelos, iso si,
con 5.000 votos menos que o bipartito– foi unha manobra cocida polo secretario de organización do PSOE, Pepe Blanco, e polo estado maior dos socialistas, coa axuda dos servizos secretos alemáns que facilitaron o Audi blindado do presidente (ex) e coa conivencia do tripartito catalán, que convenceu a Touriño para que mercase os famosos mobles do deseñador catalán Jaume Tresserra para o despacho.
Non puidemos aínda desvelar quen foi o que aconsellou sobre a cor dos mobles, pois, como denuncia o centro de investigacións intelectuais do diario de alto pensamento avanzado
“ABC”, “Todo ese mobiliario podía ter custado un 6% máis barato de elixir o acabado en cor cereixa, en lugar do ton nogueira escuro”.Tampouco deu para saber, polo de agora, se o iate ao que se subiu Quintana no 2005 era alemán ou catalán, xa informaremos.
Esas trapalladas, que tanto gustan ao electorado, foron un invento arteiramente ideado por Blanco para darlle un balón de osíxeno a Raxoi, pois é sabido que calquera desexaría telo como contrincante á hora de competir co PP polo sufraxio universal. Raxoi é o candidato ideal para quen aspire a derrotalo:
perdeu as Xerais de 2004, perdeu as galegas de 2005,
perdeu Baleares,
tampouco gañou nas municipais,
voltou a perder nas Xerais de 2008, e en
Euskadi tamén quedou como quedou. Entre outras marcas,
Mariano é o líder peor valorado nas enquisas. Raxoi é un choio para os que non son do PP.
A súa posición entre os neofalanxistas populares estaba moi debilitada. Por un lado tiñamos a Esperanza Aguirre, sempre co coitelo afiado prestes a saltarlle á xugular na primeira ocasión que se presentase. Logo viña o “amigo” Francisco Camps, o presidente da Generalitat valenciana, novo barón do partido despois dos resultados demoledores nas autonómicas de 2007. Con “amigos” coma ese, para que quere Mariano inimigos? Despois, máis “amigos”, Gallardón, Oreja...
Realmente, a cousa pintaba mal, Pepe Blanco estaba moi preocupado pois o candidato popular non tiña xa nin media hostia electoral. Só faltaba a guinda, as eleccións galegas, nas que Raxoi perdería definitivamente o liderado, deixando paso a algún candidato moito máis competitivo a nivel estatal.
Así que Pepe Blanco trazou un plan maquiavélico que expuxo ante os cerebros máis privilexiados do socialismo galaico: Antolín Sánchez Presedo, Paco Vázquez, Dolores Vilariño, Abel Caballero, Txiki Benegas e Alfonso Guerra, estes dous últimos en calidade de observadores, durante un xantar secreto no Club do Mar de Aguete, en data que non estamos autorizados a revelar, a menos que nolo pida un xuíz ou unha xuíza.
A primeira medida de aplicación do plan foi a negativa do presidente Touriño a adiantar as eleccións, aconsellado polo “grupo de Aguete”, asegurando así a ruína, xa que era máis que previsíbel que a crise lle pasase factura ao bipartito, a pesar de que aquí os indicadores económico-sociais estaban a ser mellores que no resto do estado. Pepe Blanco escenificou a súa contrariedade coa decisión de rematar a lexislatura, deixándolle así a Touriño toda a responsabilidade pola torpeza política.
Foi tamén no ágape de Aguete que se acordou saír en tromba a criticar a concesión eólica xestionada polo BNG, chegando mesmo a ameazar coa impugnación, causando o conseguinte estupor entre o electorado, que non daba creto a que uns días antes das eleccións unha fracción do goberno estivese a tortas coa outra de modo tan virulento. Era o que se pretendía no círculo de Aguete, dar unha imaxe penosa que desgastase o bipartito ao máximo, deixándolle a gobernación aos conservadores en bandexa.
O resto foi un xogo de nenos para un estratega como Pepe Blanco, acostumado a lidar con espías e deseñadores cataláns, foi só cousa de chamar a Touriño a Madrid e convencelo da necesidade dun coche novo para a segunda lexislatura, de renovar a mobilia, etc. Do iate de Quintana, non sabemos como se amañou o de Palas para embarcalo catro anos antes, pois é sabida a aversión de Quin polo mar, pois maréase.
O plan saíulles á perfección: sacrificouse Galiza na pira dos “intereses xerais”, impedindo así, momentaneamente, as manobras que afastarían a Raxoi da candidatura. Agora faltan as europeas, nas que Mayor Orella inflará un pouco máis a burbulla ilusoria do poderío marianista, e cando Raxoi tome conciencia de que todo era unha trampa, será tarde demais pois perderá as Xerais, que son as únicas eleccións ás que o líder conservador realmente se presenta, servindo Galiza coma sepultura onde o candidato cavará a súa propia tumba política.
Salvados os “intereses xerais”, a nós tocaranos aguantalos 20 aniños máis, pois seguimos a servir de moeda de cambio entre as diversas tribos bastardas que teñen acó o seu campo de batalla periférico. Nesa xeografía estratéxica, nós somos colonias “colaterais”.