PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
BLOG JAVI VAZQUEZ
Javi
Vázquez
Emprendedor en TIC
A choiva do software libre a ambos os lados do Canal
Software libre e estándares abertos: Galicia e UK
Dende fóra de Galicia e a miña nova vida, co gallo da publicación do proxecto Reutiliz@, orientado ao reaproveitamento da información pública, aproveito para comparar as mensaxes do novo goberno galego e o Chief Information Officer Council británico en canto a software libre e estándares abertos.
 16.03.2009 | 13:20

Mudou a miña vida profesional e mudou o goberno galego, ou viceversa.

Deixei a miña empresa de toda a vida –Igalia– e, polo tanto, tamén cesei coma presidente da Asociación de Empresas de Software Libre de Galicia (AGASOL). Todo para continuar afondando na natureza do subtítulo deste blog en ANT -”emprendedor TIC”-, agora nunha start-up de software libre en Zaragoza –eBox.

Mudei de traballo e de cidade, pero non mudou o meu compromiso co software libre e a crenza nel máis aló do tecnolóxico, coma un modelo de referencia válido para construír unha sociedade mellor, máis aberta, participativa e sostíbel, baseado o seu desenvolvemento no coñecemento e a colaboración.

No seu programa electoral, o PP de Galicia comprometíase a apostar pola utilización extensiva de software libre e estándares abertos, ademais de compartir e reutilizar o software pagado por todos os cidadáns:

[...] o PPdeG concentrará todas as competencias relacionadas co desenvolvemento das TICs nas administracións públicas galegas nunha única unidade administrativa, [...] encargada do impulso das seguintes accións de goberno:
–Impulso da implantación de software libre e uso de estándares abertos na Administración Autonómica, compartindo e reutilizando o software que fose creado con diñeiro público [...]

Confío en que reaproveiten o traballo feito polo goberno anterior, por exemplo o proxecto Reutiliz@, referencia máis que válida coma guía de publicación de información pública, para ser reutilizada e aproveitada por cidadáns, empresas e a propia administración.

Unha vez no goberno, o plan de acción ben podería comezar igual có Británico, do que cito somentes algunhas verbas do prólogo  [tradución libre dende o inglés]:

[...]

  • Queremos compartir e reutilizar o que o contribuínte xa pagou nalgunha área da administración pública –non só para evitar pagar dúas veces, senón tamén para reducir riscos e dirixir solucións comúns e conxuntas cara ás necesidades tamén comúns do goberno.

  • Queremos fomentar a innovación e os innovadores –dentro do Goberno, fomentando o pensamento open source, e fóra axudando a desenvolver un mercado vibrante.

  • Queremos darlle o liderado á industria tecnolóxica e á economía para beneficiarse da información xerada e o software desenvolvido dentro do Goberno. [...]

Ben sabemos que as verbas as leva o vento, en Zaragoza o Cierzo e na Terra o do esquecemento, o do eterno pensamento curtopracista e a dificultade para mudar estruturas inútiles herdadas do pasado.

Seremos quen de mudar o noso modelo? Ou seguiremos esperando a que todo cambie para seguir igual?

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río