
Cando alguén quere endiañar outra persoa bótalle os demiños na bebida ou na comida para que se introduzan no corpo. Así, o ramo cativo coñécese tamén con outros nomes, como mal dado, bocado, etc. O termo ramo cativo, explica Xesús Rodríguez López, é “ramo ruín”, mal ruín, ou sexa, que esa persoa ten un ramo de tolo, está “arramada”, como en castelán se di estar “venado”, que é unha metáfora similar: ter unha rama de tolo, ter unha vea de tolo.
Os endiañados coñécense porque fan cousas moi raras. Fan pinchacarneiros, andan polos tellados, teñen toda caste de habelencias, falan linguas que non saben ou non comprenden. Pode parecer que é a persoa a que fala, pero non, son os demiños, que ás veces falan entre si en voz alta, e chámanlle “a criatura” á súa vítima. Os momentos agudos da posesión poden presentar berros e xuramentos, convulsións e retorcemento do corpo e dos dedos, escuma pola boca, etc. Algúns cegan ou sofren parálise.
Para a curación o mellor é o poder dos cregos esconxuradores e algúns santuarios específicos. Nalgúns casos son os mesmos demiños os que din como desfacerse deles, se cadra porque lles apetece máis ir para outro corpo.
Fundamental, en todo o caso, en toda operación de exorcismo é indicarlles a onde se teñen que ir aloxar e indicarlles ademais exactamente por cal burato do corpo deben entrar. Cóntase dun crego inexperto que non tiña decidido onde mandalos. Cando o demiño preguntou a onde o mandaba, respondeu sen pensalo:
—¡Métete no meu cu!
Uns meses despois morreu.
Non fai falta lembrar os endemoniados bíblicos e as posesións clásicas para saber da antigüidade destas crenzas. Xa os sumerios, babilonios e exipcios crían que coa comida se metían no corpo os demos. Antes de abrir a boca hai que persignarse. Cando se esbirra, dinse palabras sagradas de exorcismo: Xesús, María e Xosé. Costume que, reducida a Xesús María! Aínda persiste. Tamén se bendín os alimentos antes de tomalos, e é pola mesma razón. O señor Manuel de Castrelo de Cima, na Gudiña, non conseguía durmir unha noite. Estaba na cama, esperto. Eran máis das doce. De súpeto unha cousa invisible quíxoselle meter na gorxa. ¡El a pechar a boca! ¡Aquelo, por lle entrar nela! ¡facía forza por lle entrar! Só podía respirar polo nariz. Acendeu a luz e ergueuse. Alí non había nada. Deitouse. Apagou a luz. E outra vez veu aquelo a lle querer entrar na gorxa. Acendeu de novo. Non había nada. Deitouse. Apagou a luz. E por terceira vez a cousa quixolle entrar. Resistiuse e acendeu a luz definitivamente. Dixo: «¡Que, me cago en tal, é esto!» A cousa desapareceu e non volveu.
Sinalo de paso que da arqueolenda pasouse á lenda urbana, como decote. Todos escoitamos falar da droga no colacao.
Descargar Tarifas