PUBLICIDADE
Xoves, 28 de agosto de 2008
Entre o 15 e o 17 de xullo
25 espectáculos na Feira Galega das Artes Escénicas

Redacción .  Serán 20 compañías galegas, tres portuguesas e dúas procedentes de Euskadi, comunidade autónoma convidada, as que ofrecerán as súas propostas nesta edición da Feira: tres de danza, oito de teatro para público infantil, e 14 para público adulto.

Reloxo 08.07.2008 | 17:15

imaxe da Feira Galega das Artes Escénicas 2008 imaxe da Feira Galega das Artes Escénicas 2008

Cinco espazos composteláns acollerán unha nova edición da Feira Galega das Artes Escénicas, que trae 25 propostas escollidas segundo os niveis de distribución na Rede Galega de Teatros e Auditorios, e segundo os criterios de calidade, innovación e actualidade, avaliados por unha comisión de selección artística.

Dúas delas chegan dende Euskadi, comunidade autónoma convidada: trátase do espectáculo de danza Hnuy illa..., a cargo de Kukai Tanttaka, e ¿Por qué lloras, Marie?, un espectáculo infantil de Marie de Jongh. Da outra beira do Miño, chéganos o Drákula da Companhia do Chapitô, que vén do barrio lisboeta da Alfama, Andar nas nuvens, para o público máis pequerrecho, de Trigo Limpo Teatro Acert, e Novecentos. O pianista do océano, por Peripécia, inspirada na historia que Giusseppe Tornatore inmortalizou no cinema.

En canto aos propostas galegas, atoparemos danza, co Sono silente de BStudio, e Tradicción, de Nova Galega de Danza, ou varios espectáculos infantís: as Boas Noites, de Berrobambán Teatro, o texto co que Paula Carballeira gañou o I Premio Manuel María de literatura dramática infantil; ou o Game over que lle valeu o mesmo premio, un ano despois, a Carlos Losada, a cargo de teatro CaChuzo. Babiglub, de Galitoon, Polgariño, de Artello Teatro alla Scala 1:5, Pacama, de Katarsis, Educación e Teatro, ou Típico Tópico, de Títeres Cachirulo, completan esta oferta.

Por outra banda, veremos as novidades máis interesantes de lagarta, lagarta (Aeroplanos, interpretada por Ernesto Chao e Xosé Manuel Olveira "Pico"), Matarile (Animais artificiais), a recentemente reestreada Bailadela da morte ditosa, de Roberto Vidal Bolaño, a cargo de Ningures, 7 contos capitais, dos Monicreques de Kukas, No coment, colaboración entre Pt Excéntricas e a alemá Familie Flöz, Periferia, de Voadora, Náufragos, de Teatro Galileo, os Extrarradios, de Teatro do Noroeste, O club da calceta, adaptación da novela de María Reimóndez da man de Teatro do Morcego, o texto de Teresa Moure Unha primavera para Aldara (XIII Premio Rafael Dieste), por Teatro do Atlántico, E ti, quen vés sendo?, de Talía Teatro, e Dáme veleno, de Sarabela.

Espazos para o diálogo

Amais, segue aberto até o 15 de xullo o prazo de inscrición para profesionais da programación, distribución, e produción teatral. A Feira terá a súa sede central no Auditorio de Galicia, nun espazo que contará coa oficina de coordinación, dúas mesas de debate, un dos escenarios de exhibición, restaurante e zona de stands. Para esta xa hai 16 reservas formalizadas: a do goberno vasco, as de varias asociacións (Federación de Libreiros, Escena Galega e Magos Profesionais de Galicia) e empresas escénicas (Artesán Teatro, CaChuzo Teatro, Caramuxo Teatro, Compañía Femme Fatale, Eme2, Espello Cóncavo, La Imagina Machina, Os Monicreques de Kukas, Pistacatro, Talía Teatro, Teatro Galileo e Títeres Cachirulo).

Tamén terán lugar dúas mesas de debate: "Creación de públicos", o 14 de outubro, contará coas intervencións de Grego Navarro de Luis, da Universidade de Warwick (Reino Unido), Zé Ruiz, director artístico de Trigo Limpo – Acert (Tondela, Portugal), o programador do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Agustín Lorenzo, e o do Bergidum de Ponferrada, Miguel Varela Gorgojo, moderados por Miguel Alfaya, do Teatro Municipal Área Panorámica de Tui. O día 15, a mesa "Danza a escena" será moderada por Ana Barba, programadora do Auditorio das Pontes, e contará coa pedagoga e investigadora Esther Vendrell, o programador do Teatro de Barakaldo, Gonzalo Centeno, e o xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil