Diáspora: parte de membros dun pobo ou nación, dispersos polo mundo, pero en relación, creando á pertenza a unha colectividade. Teñen os galegos e galegas do mundo ese grado de pertenza? Todo apunta a que si, ao sentido identitario, ás veces con trazos máis identitarios ou menos, outras segundo a forma de organización no exterior, con estereotipos moi marcados de tipo sentimental, con imaxes fixas e non renovadas no tempo en moitos casos, e outras sorprendentemente modernas e comunicadas co país. Unha diáspora polo tanto, hereroxénea, que cando se organizou inicialmente tivo unha vocación mutualista, colectiva, de solidariedade interna e cara a Galiza, de solidariedade internacional, e que logo, nas formas organizadas, foi evoluíndo, adoptando formas algunhas veces estancadas no tempo, outras desfacéndose das formas do pasado con evidente marxinación por parte da ditadura e seus continuadores descafeinados democraticamente. Mais cómpre facer unha revolta completa na relación futura co noso mundo exterior, e máis agora que o PP vai voltar a instrumentalizala. Unha proba é a viaxe de Añberto Núñez Feixoo esta fin de semana a terras do Rio da Prata.
Sentímolo moito, pero non hai tempo para as depresións agora, cómpre devolver confianzas, agradecer a quen votou e depositou apoio a un proxecto, asi que grazas aos 2898 votos, limpos e concenciados votos, sen campaña no exterior e sen usufructos paternalistas. Compre organizarse máis e máis, porque estamos por riba de ter que medir o pulso da nosa relación no exterior só co criterio electoralista.
El Salvador tamén mira a súa diáspora, e cun sistema ainda máis garantista que o noso para o voto exterior, pide atención especial nas vindeiras eleccións do sábado 15 de marzo para
evitar a fraude da suplantación de voto: Sóalles? Soalle ao PP e ao PSdG que tanto se aproveitaron disto e que se limitan nas alternancias gobernamentais a non votar un cambio na reforma da vixente lei electoral? Pois ben, o candidato do
Frente de Liberación Nacional Farabundo Marti (FMLN), Mauricio Funes, ten serias posibilidades de ser elixido este domigo, o que significaría a primeira vez que a esquerda ten posibilidades de gobernar nun pais empobrecido,
dolarizado, que eliminou a moeda nacional, dependente da economia estadounidense e o sistema das fábricas de
maquilas implantadas nos anos noventa, cunha renda media de 167 dólares e unha crecente importación dos produtos básicos agrarios. Pois si,
mirando diáspora, presente noutros paises centroamericanos e nos Estados Unidos e que envía remesas que axudaron a manter a economia deste pais, e que hoxe sofren, igual que no resto dos paises latinoamericanos, unha recesión importante pola crise financiera e económico-produtiva. Un laboratorio de realismo para a esquerda, novamente, cuns tratados de Libre Comercio imperativos e discriminatorios, que o Goberno actual lexitimou. Se o domingo a esquerda gaña en El Salvador, xente anónima e pública como Schafik Jorge Handal, que loitaron por ese soño, estarian orgullosos. O que fora candidato do FMLN nas pasadas eleccións morreu hai tres anos inesperadamente despois de voltar da investidura do actual presidente de Bolivia, Evo Morales.
Dende o último escrito cantas cousas pasaron en Galiza, cantos proxectos quedaron no camiño para tanta xente, máis sobre todo para o noso pais. Estes dias moita xente fala dos erros ou do tempo perdido, e o que si é evidente é que estes catro anos foron importantísimos para a nosa historia por marcar un antes e un despois político iniciando proxectos de profundización da soberania, de autocontrol de recursos e de reforzamento da identidade e do benestar social, proxectos, niso si coincido, ainda non rematados. Mais queixarse e ir na procura do tempo perdido son ganas de perder o tempo, como dicía Marcel Proust. Por iso, con grande optimismo, hai que saír á fronte do país, dende a fronte, con empuxe, entre todos e todas cun xesto unitario. Polos que votaron, dentro e fóra, e polo pais en si mesmo, o de dentro e o de fóra desta Galiza portátil que vai con nós.
Estes dias no Parlamento europeo moitos compañeiros deputados-as e asistentes preguntaron e lamentaron noso resultado electoral, dende Gales até Escocia, dende Euskadi a Catalunya, dende o leste ao oeste de Europa. Mentres moitas cousas pasaron en Bruxelas tamén, aprobáronse importantes normas en materia de seguranza marítima, os cataláns manifestáronse con unión polo soberanismo independentista da súa nación o sábado pasado, a secretaria de Estado estadounidense visitounos e escoitou que habia nacións como Escocia ou Gales que no futuro querian ser Estados na UE, publicáronse reportaxes sobre o traballo dos eurodeputados –que curioso, ningún dos mencionados en número de preguntas parlamentares supera as feitas polo daquela deputado do BNG na lexislatura pasada–, o deputado do PNV, ese cabaleiro da política, Josu Ortuondo, anuncia que non repite nas vindeiras eleccións e empeza a conta atrás para uns comicios que tenden ao bipartidismo da Eurocámara cada vez máis evidente. Asi que con tantas cousas que están a pasar aqui, alá e no mundo, hai que seguir traballando e traballando e traballando, e máis e máis e máis, en especial para evitar tempos de volta atrás con indicadores evidentes a nivel mundial, europeo e galego.
Boa sorte El Salvador, boa sorte Galiza, e seu patrimonio político nacional, cada quen que entenda como queira.