Redacción . O poemario fundacional das nosas letras acaba de ver a luz nunha edición bilingüe, galego-xaponesa. O lingüista e profesor universitario Takekazu Asaka foi o encargado de traducir á súa lingua 'Cantares gallegos'.
Esta edición inclúe un cedé cunha selección de poemas da autora padronesa interpretados por dúas artistas de Xapón: a pianista Rika Nishikawa e a soprano Miho Hago. As composicións incluídas neste CD, con música de Antón García Abril, Jesús García Leoz e Joaquín Rodrigo, son: "Cando vos oio tocar", "O meu corasón", "As de cantar" e "Un home San Antonio". No ano 2002, o profesor Takekazu Asaka xa publicara en xaponés 21 poemas de Cantares Gallegos. Agora, nesta nova edición, revisa parte deses textos e traduce outras composicións en verso dese libro até xuntar 29 poemas, o que supón case a totalidade do libro de Castro. Asaka xa traducira á súa lingua natal os poemas galegos de Federico García Lorca, así como outros textos de Castelao, Eduardo Pondal, Emilia Pardo Bazán e Wenceslao Fernández Flórez, entre outros. De Rosalía de Castro tamén fixo a tradución ao xaponés de En las orillas del Sar.
Manuel González, Marisol López, Takekazu Asaka e Xesús Alonso Montero
A presentación deste novo proxecto literario, na mañá deste martes no Club Internacional de Prensa, en Santiago de Compostela, contou coa participación da secretaria xeral en funcións de Política Lingüística. Marisol López, quen sinalou a importancia de "reforzar a proxección exterior do galego" no proceso de normalización lingüística.
Interviñeron tamén Takekazu Asaka; o autor do prólogo do libro, o profesor Xesús Alonso Montero; e o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e membro do Instituto da Lingua Galega, Manuel González. Asaka agradeceu a colaboración prestada por Política Lingüística para a edición do libro e constatou que o seu interese por coñecer a cultura galega vén de longo. Xesús Alonso Montero e Manuel González reivindicaron a importancia das traducións para dar a coñecer a lingua e a literatura galegas en todo o mundo.
A versión en galego e xaponés de Cantares Gallegos acaba de ver a luz en Toquio da man da editorial DTP Publishing. Ten preto de 300 páxinas e a tiraxe inicial é de 500 exemplares. Estes volumes está previsto que se distribúan no ámbito docente, en bibliotecas públicas e en librarías de Xapón. Por outra parte, o día 18 de abril terá lugar a presentación deste poemario nun auditorio da cidade de Kawasaki.
Primeira edición
Nacido en Toquio, Asaka imparte docencia na área de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku, na capital nipoa. Está considerado un embaixador do galego no seu país: entrou en contacto coa cultura e a lingua de Galicia a finais dos anos setenta, mantivo correspondencia no seu día con significados galeguistas, como Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, e publicou numerosos artigos e investigacións relacionadas co galego.
Na súa produción destacan os títulos Gramática do galego moderno (1993), Guía de conversación en galego (1994) e Vocabulario básico da lingua galega (1996). O autor da tradución ao xaponés de Cantares Gallegos participou tamén nos cursos de galego para estranxeiros que se imparten durante o verán na Universidade de Santiago de Compostela, organizados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Descargar Tarifas