Redacción . Con nove candidaturas, a versión que Teatro do Atlántico fixo da obra coa que Teresa Moure gañara o Premio Rafael Dieste é a gran favorita entre as producións nomeadas este ano para os XIII Premios María Casares de Teatro.
Belén Constenla e María Bouzas, candidatas as súas, nunha escena de 'Unha primavera para Aldara'
Así o desvelou na tarde deste martes a Asociación de Actores e Actrices de Galicia durante a celebración da II Festa dos Candidatos aos María Casares, no recentemente inaugurado Pazo da Cultura de Narón. Dos 28 espectáculos que concorrían aos galardóns do teatro galego, 13 foron finalmente os que obtiveron algunha candidatura nas distintas categorías.
O resultado coñecerase na gala da entrega de galardóns, o 25 de marzo, no teatro Rosalía Castro da Coruña, logo de realizaren a súa segunda votación as 300 persoas asociadas á AAAG e mais as gañadoras e finalistas das doce edicións anteriores, dedicadas á programación ou á crítica teatral.
A proposta escénica que Teatro do Atlántico realizou sobre o texto de Teresa Moure, Unha primavera para Aldara, é a preferida con nove candidaturas: a mellor espectáculo, mellor dirección (Xúlio Lago, tamén candidato por mellor iluminación), mellor actriz protagonista (María Bouzas) e secundarias (Belén Constenla e Lucía Regueiro), amais de mellor escenografÍa (Carlos Alonso, que tamén está nomeado no mellor vestiario), e mellor texto orixinal.
Séguelle de preto, con sete candidaturas, Obra (No comment), de PT Excéntricas. Amais de optar a mellor espectáculo, Quico Cadaval, que arrasara na anterior edición dos premios coa Noite de Reis do CDG, pode volver levar outra xerriña á mellor dirección, e aínda outra ao mellor texto orixinal. Vítor Mosqueira pode levar outro como mellor actor protagonista; Baltasar Patiño, á mellor escenografÍa, e xunto con Octavio Mas, á mellor iluminación; e Suso Alonso, á mellor música orixinal.
E o terceiro espectáculo preferio é Aeroplanos, de lagarta, lagarta: á candidatura de mellor espectáculo súmanse as dos dous actores protagonistas, Xosé Manuel Olveira "Pico" e Ernesto Chao; e á mellor adaptación ou tradución (neste caso, a que fixeron do dramaturgo arxentino Carlos Gorostiza Avelino González e Olga F. Nogueira).
O CDG non sae tan ben parado
Se na anterior edición o Centro Dramático Galego arrasara con Noite de Reis, a proposta deste ano, A boa persoa de Sezuán, un Brecht adaptado por Nuno Cardoso, quedou tan só con catro candidaturas: á mellor actriz secundaria, para Rebeca Montero; mellor actor secundario, para César Cambeiro; mellor escenografía, para Fernando Ribeiro; e mellor música orixinal, para Fran Pérez, "Narf".
Empata con ela Dáme veleno, eu tamén soñar, de Sarabela Teatro, que pode levar catro xerras (unha para Josito Porto como mellor secundario, outra para o escenógrafo Antonio Pereira, a de vestiario para Ruth D. Pereira e a de maquillaxe para Cristina Couto). Séguelle con tres a adaptación que Teatro do Morcego fixo da novela de María Reimóndez O club da calceta: a propia Reimóndez figura xunta o director, Celso Parada, como candidata á mellor adaptación ou tradución. Elina Luaces e Luísa Merelas poden levar o galardón á mellor protagonista.
Cándido Pazó volve figurar na lista como director do espectáculo E ti, quen vés sendo?, de Talía Teatro, polo que é candidato tamén como creador do mellor texto orixinal. Esta peza tamén pode valerlle a Artur Trillo o María Casares ao mellor actor secundario. Periferia, de Voadora, conta con nomeamentos á mellor iluminación (Afonso Castro) e maquillaxe (Fanny Bell)
Houbo espectáculos que só conseguiron unha candidatura, mais potente: Pablo Giráldez "Pastor" pode suporlle o premio á mellor escenografía a Bailadela da morte ditosa, de Teatro de Ningures; a adaptación de Náufragos, de André Roussin, que Pancho Pillado fixo para Teatro Galileo tamén pode achegarlle a xerra a este grupo. Manecas Costa, artífice, xunta Carlos Blanco, do espectáculo Humor Neghro, distribuído por Abada Teatro, opta ao María Casares á mellor música orixinal; Clotilde Vaello, ao de mellor vestiario por Frida (da compañía A internacional), e La Canalla, ao de mellor maquillaxe pola obra coa que Carlos Losada gañou o III Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, Game over, materializado por Teatro Cachuzo.
Descargar Tarifas