Redacción . A editorial achega de novo algunhas das novidades máis interesantes da literatura universal na nosa lingua, dende premios Nobel até novos descubrimentos: xa podemos ler en galego 'Istambul', de Orham Pamuk, 'O caderno dourado', de Doris Lessing, 'Sardinia blues', de Flavio Soriga, e 'A elegancia do ourizo', de Muriel Barbery.
Presentaron os catro novos títulos o director de Galaxia, Vítor F. Freixanes, e o director de edicións, Carlos Lema, xunta a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais de Compostela, Soco García Conde. Ambas as dúas entidades promoven dende hai catro anos a colección "Biblioteca Compostela", que leva xa 14 títulos publicados e engade agora outros catro. Entre as novidades que achega Galaxia, figura Istambul, de Orhan Pamuk. O autor turco, pemio Nobel no 2006, conxuga neste libro o seu testemuño persoal coa historia da cidade e da súa xente. Outra Premio Nobel que se publica é Doris Lessing, co seu libro O Caderno dourado. "Tivemos unha fantasía á hora de editalo", explicou Lema. Publicada no 1962, ten xa a súa edición en galego nun libro, precisamente, de cor dourada. Outro dos grandes éxitos da narrativa europea que podemos ler xa na nosa lingua é A elegancia do ourizo, da francesa Muriel Barbery, que afronta a hipocrísia do mundo burgués dende as voces de dúas mulleres moi diferentes que viven en París. É o libro máis vendido de narrativa europea do último ano. Pero, amais dos grandes éxitos, como sinalou Lema, Galaxia quere achegarlles tamén novidades e propostas interesantes aos lectores galegos. Velaí a cuarta proposta: Sardinia Blues, de Flavio Soriga, achega "unha experiencia que podemos sentir moi próxima, ao abordar unha cultura minorizada coma a nosa: a sarda", segundo Carlos Lema. "A colección pode servir tamén como porta de entrada de autores pouco coñecidos". Outras novidades: Murakami mañá en Compostela Para este 2009, Galaxia prevé máis novidades de Pamuk (O museo da inocencia, nada menos que 700 páxinas que comezou a escribir xa antes do Nobel, e que xa está publicada en alemán e turco); tamén haberá novidades de Danniel Kelhman, de quen se publicara hai dous anos A medición do mundo: A sona conta nove historias relacionados coa proxección pública da personalidade; por último, publicarase o último Premio de Novela Europea Casino de Santiago, The night watch, da británica Sarah Waters, que está publicada por Anagrama en castelán co título Ronda nocturna. Están a buscarlle o título en galego, pero Lema adianta xa que se trata dunha novela que se desenvolve a partir da II Guerra Mundial. Amais, mañá mesmo estará en Compostela Haruki Murakami para recoller o Premio San Clemente, e Galaxia realizou un especial esforzo para ter lista a tradución, a cargo de Mona Imai e Gabriel Álvarez Martínez, de De que falo cando falo de correr, onde o autor, parafraseando un título de Raymond Carver, "conta a súa experiencia como corredor de maratóns e como novelista". O feito de que o autor estea en Compostela para presentalo reafirma a idea desta cidade como capital cultural galega, "porta de entrada da literatura universal". Xa coa edición de Tras o solpor (tamén en Galaxia), do mesmo autor, "que ten lexións de lectores, coma Paul Auster", conseguiuse atraer un grupo importante de lectores á edición en galego. Galaxia segue na súa aposta por ter as traducións listas a tempo para que o público poida escoller o máis novo e o mellor da literatura universal contemporánea na súa lingua.
Vítor Freixanes, Soco García Conde e Carlos Lema.
Descargar Tarifas