PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
BLOG XOSE LOIS GARCIA
Xosé Lois
García
Escritor
Ernesto Lara Filho
Coñecer este poeta angolano, fundamental na renovación literaria da lingua portuguesa, é esquecer clixés e comenencias sobre a separación entre a forza estilística e expresiva da palabra e o compromiso social. É mergullarse nun mundo cheo de matices.
 09.03.2009 | 12:05

Ernesto Lara Filho Ernesto Lara Filho

Nunha das miñas viaxes a Angola, o poeta David Mestre meteu nas miñas maos un libro do poeta Ernesto Lara Filho (1932-1977) titulado: O canto do Martrindinde. Mais o libro baixo este título acomoda a obra poética que conten tres títulos publicados individualmente e nesta orde: Picada de Marimbondo (abella), 1961, O canto do Martrindinde (cigarra), 1963, Seripipi na gaiola (ave angolana de  variadas cores e con cola moito longa, tamén coñecida como “rabo de junco”), 1970.

En menos de dez anos, Lara Filho, aquel poeta gustoso da vida e encantador de facer bohemia teceu tres títulos, soberbios e insuperábeis, cando o resto dos poetas da xeración da guerrilla estaban a escribir un temario moi dado á poesía social realista e de combate, moi virada aos problemas e as vocacións de liberar a nación angolana baixo o xugo colonial. Mais este poeta de Benguela, no sur de Angola, esclarecía a realidade valéndose da metáfora, de xiros, de mudanzas e de imaxes. No esencial desta poesía están as persoas humilladas e maltratadas, protagonistas desta triloxía poética, dunha maneira contundente. Nisto consiste a obra de Lara Filho, ubicar o cotián e poñendo énfase nas persoas que sufrían tiranía e que trataban de superar obstáculos. A mudanza de espazo e de persoas representan na súa poesía todo un movemento  capaz de erradicar  inmobilismos e colocarse en estruturas dinámicas. Nesta poesía explícase a temporalidade sometida a un proceso formativo da nación angolana e tamén da literatura. Por iso, as prioridades deste poeta eran a de descubrir, construír e consolidar nación.

Estamos falando dun escritor convencido de que as persoas humildes e confinadas en musseques (barrios de pao e lata), eran o motor do cambio desexado. A pesar de que Lara Fillo era un trota mundos, coleccionador de bohemias, viña dunha familia de emigrantes miñotos moi concienciada sobre a situación colonial. A súa irmá, a poeta Alda Lara, que finou moi nova, e o primo destes, Víctor Lara, ideólogo do MPLA, son referencia en moitos espazos da literatura, da política e da dignidade de Angola.

Mais a poesía de Ernesto Lara Filho non só se resolve nese parámetro metafórico, tamén a vida ferve neses poemas amorosos; neses encontros de gozo nas noites de Benguela e Luanda, onde o amor e o sexo axudaban a consolidar esa liberdade da que el sempre fixo apoloxía. Neste sentido, o que se interpretou naquelas décadas como un poeta marxinal que cantaba e relataba experiencias existenciais de musseque, hoxe, a súa triloxía poética ten un valor que transmite toda unha mensaxe dun tempo vivido e moi pouco revelado. O curioso é que a poesía de Lara Filho ten unha percepción e incontinencia en favor dos marxinais, todo un valor social rescatado.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río