Redacción . Segundo a organización ecoloxista WWF España, o sector das enerxías renovábeis superou no mes de febreiro o seu obxectivo para 2010 de producir o 30% da electricidade, 'grazas ao esforzo constante' feito por este sector nos últimos doce anos.
O Observatorio Español da Electricidade sinalou que no mes de febreiro España estivo nunha situación “óptima” para cumprir co obxectivo de producir o 30 por cento da súa electricidade con fontes renovábeis para 2010. A UE estabeleceu unha Directiva sobre Enerxías Renovábeis en 2001 a través da cal os países membros teñen que xerar o 12 por cento da enerxía primaria de fontes renovábeis para 2010. No caso de España este obxectivo tradúcese tamén nun propósito de xeración eléctrica con enerxías renovábeis do 29,4 por cento para esta data. Os datos sinalan que en febreiro o aumento da xeración hidráulica respecto ao mesmo mes do ano pasado aumentou máis dun 200 por cento, a eólica máis dun 50 por cento, a exportación neta da xeración eléctrica a países veciños foi do dous por cento, e que as centrais de ciclo combinado que queiman gas natural recortaron as súas emisión nun 44,4 por cento, mentres que as de carbón recortaron as súas un 34,5 por cento. O experto de WWF España en Enerxía e Cambio Climático, Heiukki Willstedt, indicou que “non é o mellor momento” para celebrar que máis do 31 por cento da electricidade da Península provén de fontes renovábeis, pero “demostra que a aposta a longo prazo española deu o seu froito”. “Se chegamos a esta situación é porque se fixeron a tempo os deberes, sen urxencias de última hora. Sen embargo non debemos quedarnos aquí, hai que empezar a planificar para chegar a un 50 por cento de xeración eléctrica con renovábeis para 2020. Solo así poderemos estar seguros de cuprir cos obxectivos da UE e ir reducindo a dependencia enerxética de España do exterior”, engadiu o experto, que tamén destacou que no pasado mes as emisións de CO2 á atmosfera se reduciron nun 38 por cento respecto ao mesmo período de 2008.
Descargar Tarifas