PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
BLOG XABIER CID
Xabier
Cid
Xornalista
MAIORÍA ABSOLUTA DESPOIS DO 1 DE MARZO
John e a democracia en Galicia
De como John Moore coñece grazas a unha escocesa as chaves do sistema democrático galego e da súa perplexidade, del e dela. E onde se fala de como eles cren que debería funcionar o goberno en Galicia, e o fútbol tamén.
 09.03.2009 | 11:44

Tiñámolo pendente dende xa antes das eleccións. Barbara Johnstone, unha brillante estudante, tiña que analizar comigo os programas de pesca dos tres principais partidos políticos galegos. Eran programas cegos, aos que lles eu retirara a procedencia. Barbara acertou ben co do Partido Popular, por algunhas iniciativas privatizadoras, pero confundiu as corenta páxinas do Bloque e as catro dos socialistas.

Despois falamos de cales eran os principais problemas do mar e da pesca en Galicia, e acabamos por chegar ao resultado das eleccións: 39-24-12. Ata aí todo claro. Pero cando mencionei a situación só catro anos antes (37-25-13), a sorpresa de Barbara foi maiúscula: "Se o Partido Popular gañara as eleccións, por que non estaba no goberno?".

Eu tenteille explicar aquilo da vitoria moral, ou máis ben, da derrota moral: a perda continuada de escanos, un líder que superaba os 80 anos, un goberno desartellado, un país estancado... pero ela obviamente non parecía moi convencida. Entón díxenlle que se un partido tiña 37 escanos pero a oposición tiña 38 era imposible gobernar. E aí a súa sorpresa chegou á incredulidade.

— Por que?

— Porque os do goberno votarán que si a unha nova lei, pero a oposición votará sempre que non.

— Sempre?

— Si — respondinlle, e a ela medráballe o abraio se era posible.

— Pero como pode ser iso? Como poden coincidir? Non teñen opinións distintas sobre as cousas? Non teñen problemas de conciencia?

Expliqueille brevemente como funciona o sistema de partidos galego (e español), e o seu pensamento monolítico. Claro, en Escocia, o SNP goberna con pouco máis dun terzo dos deputados, e faino con bastante tranquilidade. E os laboristas en Londres, con 23 deputados por riba da maioría absoluta, perden votacións. A pregunta final de Barbara é a máis demoledora: "entón cal vai ser o traballo dos deputados do Bloque e do PSOE nestes catro anos? Ir ao Parlamento votar que non?".

Unhas horas despois, coméntolle ao vello John Moore a miña experiencia con Barbara durante a nosa pinta semanal. De feito falamos da proposta de Feixóo de reducir as delegacións da Xunta de 52 a 5, e de que, se hai xente que pode traballar por dez, parece unha boa medida pra calquera. Porén, xa recibiu as primeiras críticas dos que non aspiran a eses postos de traballo.

— E non haberá deputados socialistas e nacionalistas que estean de acordo coa medida? Ou estarán de acordo e votarán en contra? — pregúntame John.

— Aló en Galicia a política é como un partido de fútbol. Ou os dos Rangers din que os dos Celtic xogan ben?

— Pois si. Poden abrirse a cabeza os uns aos outros, pero quen xoga ben, xoga ben. Sobre todo se é en beneficio do resto da sociedade.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río