PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
BLOG ANA MIRANDA
Ana
Miranda
Política
Adicado a Paco Castro, responsábel do BNG en Catalalunya, agredido o dia 27 de febreiro en Muíños polo tenente de alcalde do PP
Touché!
Dise en esgrima cando hai o recoñecemento dun golpe polo xogador golpeado. Na expresión orixinaria, nos duelos de sangue, estar tocado coa punta da espada, sen estar nin ferido, era xa suficiente para gañar, berrando touché! Muro dos Lamentos: xa hai un en Xerusalén e xa sabemos o que representa na historia da humanidade, asi que négome á construción doutro en Galiza, aínda que sexa imaxinario, que xa bastantes anos custou tirar outros muros de incomprensión. Resultados electorais, mestura de esgrima e de lamentos, de loita e de desacougo.
 06.03.2009 | 13:21

Cun panorama dunha forza política con resultados electorais mediocres ou pésimos comparativamente, e co desánimo de militantes, dirixentes e simpatizantes, cómpre deixar de seguir lamentándose e pasar ao tempo da acción-reacción, áxil, inmediata, implicadora, participativa. Non hai  fórmulas máxicas para saír deste duro golpe –ainda que xa pensara nalgunha exportábel, que aquí na Belgique, cos seus defectos e virtudes, sempre teñen alternativas a situacións de crise–, senón moito diálogo e consenso interno e unha dose de ánimo, de forza, de empuxe, a toda a xente de dentro e de fóra que traballou tanto, e que debe seguir traballando na construción nacional, que é un proceso permanente, longo e intenso, con moitos atrancos no camiño como puidemos ver –até inventados–, nese proceso mediático que condiciona desgraciadamente as vidas das organizacións políticas, no que o que se valora é a imaxe por riba da ideoloxia.

No duelo electoral, non coincido coa análise triunfalista dos medios afins ao futuro e uniformizador réxime do PP de que ese partido chegou, veu e venceu. En realidade, nunca marchara das estruturas, estaba no cerne subterráneo, esperando, ollando coma os corvos ollan os espantallos, e chegaron, ben apoiados por amigos interesados, con novos e vellos xogadores, a vencer unha batalla, na que as outras forzas políticas confiamos só nas nosas propias capacidades. O nacionalismo galego ten un peso adquirido e unha evolucion que agora só cómpre pór en valor novamente, ilusionando, renovando maneiras, caras, porque por moito que critiquen, pode que fosen as maneiras as que despistaron a cidadania, con mensaxes de querer chegar a un electorado non fidelizado, mais o programa de goberno ninguén pode negar –convidoo a ler novamente–, que se poida calificar de centrista ou de dereitas, senón todo o contrario. Bateuse o esgrimista do BNG con ambas as mans, con boas intencións, coas mellores seguro, pero a xente fica coas imaxes estáticas que lle transmiten e non o entendeu asi. Dicíame unha  nacionalista de Montevideo estes dias que compría ensinar firmemente que si somos zurdos, como din por alá, zurdos de espírito e de formas.

Eu engadiría de proxecto, que é o que vai precisar escoitar a nosa nación galega. No medio do lusco e fusco, un coche pica unha roda. Pode ser nunha corredoira ou na AP-9. A xente que vai dentro ten dúas opcions, ou esperar o servizo de asistencia, que vai tardar un tempo, ou mudar eles mesmos, antes de que chegue a noite. Ou unha terceira, ficar quedos, lamentando que a roda non non se mudara antes, que non se fixera a posta a punto do vehículo. Nesta partida electoral, ficamos feridos, igual que o xogador de esgrima, igual que o coche, mais non nos mataron, senón ao contrario, isto ten que servir para un rexurdimento ideolóxico positivo e para pór en valor o numeroso e altruísta capital humano duns e doutros, contando con todo o mundo, de menor a maior, rachando teitos de cristal existentes e traballando para construír horizontes que non rematen nos medios de comunicación e condicionantes externos senón na xente, destinataria final e votante. As mulleres e homes que non pertencemos a nengún dos grupos internos de vella ou nova creación, de dentro e de fóra, transversais polas nosas funcións con todas as forzas vivas internas, tamén debemos contar nese proceso interno que se aveciña, esperemos que de diálogo e unha boa solución de fortalecemento e empoderamento do nacionalismo galego. Porque unha cousa está clara, Galiza existe se nós existimos, a historia demostrouno constantemente. 

Ademais das decisións internas que se tomen, temos por diante obxectivos inmediatos urxentes, como unhas eleccións europeas en xuño ás que deberiamos presentarnos con forza e devolvendo estímulo e compromiso e proxecto para recuperar o roubado escano europeo en 2004. Vén todo en contra, un bipartidismo alpinista, redución de catro escanos para o Estado –de 54 a 50–,  negativa anunciada a crear circunscrición galega e grande abstención.  E sabemos e recoñecemos que estamos touchés, pero iso non significa estar fundidos como queren algúns, porque a partida segue. Así que adiante, que o camiño é longo e non hai espadas, nin rodas, nin muros, nin pedras de muíño, nin longas noites de pedra que poidan coa forza da xente e coa honestidade dun proxecto serio, construtivo e plural. 

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río