Unha primavera para Aldara
Compañía: Teatro do Atlántico
Dirección: Xulio Lago
Elenco: Amparo Malo, Lucía Regueiro, María Bouzas, María Barcala, Pilar Pereira, Marcos Correa, Belén Constenla, Josi Lage, Agustín Veiga, Xoán Carlos Mejuto.
Estamos nun convento medieval, en pleno levantamento irmandiño. Un cabaleiro da Irmandade chega ferido dunha batalla e pide asilo para repousar e sandar das súas mágoas. Logo de as monxas discutir sobre a conveniencia de agachar un home na freiría, prevalece a caridade cristiá. O soldado queda e, entre discusións sobre a xustiza da causa irmandiña e sobre os múltiples casos de violencia sobre as mulleres que teñen lugar neses “tempos convulsos”, o amor xorde entre o guerreiro e a abadesa. Hai truco, e resulta que o irmandiño non é un home senón unha muller travestida, un “espírito libre” que se rebela contra o papel subordinado que se lle atribúe ás do seu sexo. A abadesa xa o sabe e tanto lle ten: o amor “prohibido” triunfa sobre as miserábeis condicións que a época impón.
Dados os múltiples anacronismos que concorren na trama de Unha primavera para Aldara, hai que ler esta peza como un símbolo animado por un espírito ben intencionado: o de trasladar á Idade Media problemas de actualidade –como son o da violencia de xénero ou o da independencia da muller– co obxectivo de manifestar un discurso de carácter progresista sobre eles, ao tempo que se propón unha lectura provocadora e subversiva da vida conventual, converténdoa –aínda que só sexa de xeito alegórico– nun espazo de liberdade conquistado por aquelas que o habitan.
Mais a persecución dese obxectivo provoca que a autora esqueza as súas criaturas: os personaxes da obra carecen de voz propia, converténdose en meros altofalantes da tese que se lle quere espetar ao público. Non hai verdadeiros caracteres, senón marionetas que se comportan exclusivamente consonte a visión do mundo que se nos quere transmitir. Unha vez recoñecida a “mensaxe”, xa non queda ningunha posibilidade de sorpresa, discorrendo todo polo camiño da previsibilidade e da redundancia. O único que rompe a monotonía –e non necesariamente para ben– e o sentimentalismo no que se cae na descrición das relacións amorosas entre a abadesa e aguerrida irmandiña.
No seu tramo final, a obra inclúe dous enviados do bispo, que investigan os feitos que tiveron lugar no convento: a grotesca versión que se dá destes dous personaxes constitúe a mellor proba de que non se quere construír un conflito dramático, senón ilustrar unha teoría –moi politicamente correcta, iso si.
Se sempre se lamenta que ocorran estas cousas, esta vez a mágoa é dupla, porque a montaxe de Unha primavera para Aldara é realmente ambiciosa. Teatro do Atlántico segue a demostrar que é unha das compañías máis competentes deste país e Xulio Lago, un dos mellores directores que temos. O coidado da dramaturxia, o preciosismo plástico da posta en escena e a excelente interpretación de todas as actrices logra que, por momentos, esquezamos o artificial que resulta o texto. Lucía Regueiro destaca sobre todas elas –quizais porque o seu personaxe é o máis alleo á vocación editorializante da obra–, mais paga a pena asistir a esta función só por ver ese estupendo labor de director e elenco. Os aplausos e os comentarios positivos que se escoitan a saída son mérito exclusivamente de seu.