PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
'Xa existe un baleiro de poder'
Beiras pide a dimisión da Executiva do BNG

Redacción .  O ex portavoz nacional do BNG e actual líder de Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras, reclamou hoxe a 'dimisión' de toda a Executiva con Anxo Quintana á cabeza nun exercicio de 'saúde indispensábel' e tras o 'trompazo' electoral do domingo.

Reloxo 04.03.2009 | 13:46

Xosé Manuel Beiras e membros do Encontro Irmandiño Xosé Manuel Beiras e membros do Encontro Irmandiño. AGN

Acompañado polos membros desta corrente que forman parte do Consello Nacional, Xosé Manuel Beiras contestou con esta petición ás "coartadas" da dirección nacionalista para postergar a convocatoria da Asemblea Nacional e avisou de que xa existe un "baleiro de poder" desde este domingo, tras a perda de representación na Xunta. Nesta liña, Beiras pediu que o Bloque que convoque unha Asemblea Nacional ordinaria "xa" na que se dea "voz a toda a militancia" e que, entre tanto, dirixa a formación un "órgano interno de xestión".

O líder desta corrente crítica avogou pola "refundación" do BNG e demandou un exercicio de "autocrítica" ao "aparello vertical de poder que provocou esta situación de fraude democrática". Matizou que o Encontro Irmandiño "non quere guerras civís" no seo do Bloque, senón que o seu propósito é "devolver a voz e o voto a toda a militancia".

“Resortes” para volver ao Asemblearismo

Na rolda de prensa de hoxe en Santiago de Compostela, o político nacionalista retomou este asunto e confirmou que, aínda que o novo regulamento estipula o sistema por delegados, existen "resortes" que permiten que o conclave se abra a toda a militancia e se revogue a decisión anterior.

De feito, afirmou que Encontro Irmandiño intentouno na pasada asemblea extraordinaria na que Anxo Quintana foi ratificado como candidato á Presidencia da Xunta, pero explicou que as forzas con máis peso actualmente na Executiva "negáronse a utilizalos".

No entanto os membros desta corrente crítica que forman parte do Consello Nacional –Cristina Amor, Mariño Nogueira, Mario López Rico, Cristina Trigo e Xosé Constenla–, xunto co propio Beiras, trasladarán estas reclamacións á reunión do 14 deste mes, día no que a Executiva Nacional convocou o máximo órgano de decisión entre asembleas.

Coa intervención de hoxe, Beiras volveu á palestra da vida política nacionalista, tras manterse nun discreto segundo plano durante os últimos anos, nos que o BNG gobernou cinco consellarías. "Restabelezo unha relación que será máis frecuente do que foi até agora", declarou o político do Bloque, que minimizou as súas intervencións a pesar de formar parte da actual Executiva.

Refundación e autocrítica

Beiras avogou pola "refundación" do BNG e reclamou un exercicio de "autocrítica" ao "aparello vertical de poder que provocou esta situación de fraude democrática". Matizou que o Encontro Irmandiño "non quere guerras civís" no seo do Bloque, senón que o seu propósito é "devolver a voz e o voto a toda a militancia".

Expuxo que os resultados do domingo foron para "moitos inesperados", pero certificou que para o Encontro Irmandiño "non tanto". "Estamos nunha grave crise do nacionalismo organizado polo trompazo monumental", asegurou.

Tamén tivo palabras para os 'populares' e constatou que se inicia agora unha "grave crise de funcionamento político" despois de que o electorado "devolvese" o goberno aos que semi destruíron" o país e que "non fixeron ningún enunciado de programa" durante esta campaña electoral que "mereza ser chamado como tal". A eles, chamoulles "encargados de levar" a Galiza "a era de Fraga", o “franquismo sen Franco".

Desculpas
Xosé Manuel Beiras advertiu da necesidade de que o BNG lance unha "mensaxe a toda a militancia frustrada e a toda a base e cidadanía de esquerdas social" para dar un "punto de luz" á situación actual.

Do mesmo xeito, censurou a dirección polo seu "método de atribuír as perdas de electorado a factores externos, a adversarios e ás campañas sucias, e de eximirse de responsabilidade". Por iso, esixiu "de inmediato" a "posta a disposición" dos cargos da Executiva, para "evitar o descrédito".

Ao fío, Beiras demandou o regreso aos "alicerces de 1982", ano fundacional do Bloque, e o restabelecemento da "fraternidade de toda a militancia", así como a volta á que foi "a primeira forza política da enerxía democrática, no 1997".

Nas eleccións autonómicas dese ano, o BNG alcanzou o seu teito electoral con 18 deputados no Parlamento e converteuse, baixo o liderado de Beiras, na segunda forza política de Galiza e a primeira de esquerda, por diante do PSdeG.
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río