
A protagonista de 'O exorcista'
Definamos posesión como a entrada dun espírito nun corpo alleo. A posesión pode ser diabólica ou non: podes estar posuído por unha alma dun defunto ou dun vivo. Pero o concepto non é tan claro e hai quen está posuído a un tempo por varios espíritos, bos ou malos. Ademais, no caso de posesión diabólica, poden ser demos ou demachiños os causantes, hai pois varios tipos de posesos. Algúns sofren males psíquicos como o ramo cativo, outros, físicos, como o enganido. Di un informante a Lisón Tolosana: “Dicimos meigallo de todos os males producidos polo demo ou un espírito ou unha persoa que te quere mal, por envexas, por espíritos de persoas mortas que non purificaron os seus pecados. Maniféstase por anormalidade, ataca os nervios, o estómago, a gorxa, o médico non atopa nada. Hai moitas razas de demos, por iso as enfermedades son diferentes”. Outro exemplo: “Cando me deixou o mozo fun a Inglaterra. Teño dous espíritos, un bo que me defende e outro malo. O malo metéronmo en Inglaterra. Querían que vivise cun home, e como non quixen, ese home, que era xudeu, meteume un espírito xudeu, é peor porque nin sequera é da nosa relixión, é máis difícil de quitar”.
Espiritado ou Corpo Santo son persoas que permanecen moito tempo encamados, sen comer absolutamente nada e sen facer de ventre nin evacuar ouriños. Poden presentar tamén catalepsia, insensibilidade e moitas veces estigmatización nalgún membro. Estas persoas son consideradas santos e supóñenselles facultades para curar determinadas doenzas co poder das súas pregarias e benzóns.
Corpo Aberto é o corpo dunha persoa viva no que se introduce algún espírito estraño, debido a unha especial predisposición. Ese espírito soe ser a alma dun defunto que escolle o corpo aberto para falar e manifestarse. Non se debe confundir o Corpo Aberto co Corpo Santo, aínda que é frecuente que na mesma persoa coincidan ambas cousas. Risco pon o exemplo de Manuela Rodríguez Fraga, rapaza de 21 anos de Moeche, no corpo da cal metérase o espírito dun crego de Ortigueira que morrera na Habana. Sendo unha rapaza ignorante falaba con voz de home, moi distinta da súa, con formas cultas e con acento americano, amosando grandes coñecementos de dogmática, liturxia e filosofía. Nun corpo aberto pódense meter tamén os malos espíritos: “Nunha ocasión un home de Marce, o Chiquillo, que estaba xa nas últimas, pediulle a unha muller embarazada que o fora ver que lle dese a man dereita. Ela deulla, e no mesmo intre el faleceu. A muller tivo unha pequena que pasaba as 24 horas do día chorando. Levárona a todos os médicos da contorna, e nada. Por fin acordaron ir onda o cego de Allariz. O cego díxolle que era a alma do Chiquillo, que lle pasara ó darlle a man dereita, e que, non podendo con ela, apoderárase da nena.
—Toma estes pós. Se chegas a tempo de que os tome, salvas a pequena.
Pero baixando para Marce xa oíron a campá da capela que tocaba a morto. O Chiquillo leváraa”.
Descargar Tarifas