PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Agrupacións xuvenís
A campaña paralela

Redacción .  As agrupacións de mocidade das tres formacións políticas maioritarias en Galiza traballan arreo con campañas propias para mobilizar o voto xuvenil. As portavoces das tres organizacións, Iria Aboi, de Galiza Nova, María Dolores Rodríguez, das Xuventudes Socialistas, e María Seoane, de Novas Xeracións, explican a súa labor nestes 15 días de campaña electoral. Galiza Nova, a organización do BNG, empezou cunha campaña fomentando o voto por correo entre os máis novos, e estes días da a coñecer o traballo feito polos conselleiros nacionalistas en materia xuvenil na última lexislatura; Novas Xeracións, do PPdeG, reparte a bebida enerxética 'Feixóo 2009' e explica as propostas en política xuvenil incluídas no programa do Partido Popular; As Xuventudes Socialistas do PSdeG, fan o propio baixo o lema 'Queres que volvan?', animando aos máis novos a votar o 1 de marzo.

Reloxo 26.02.2009 | 07:15

Esquerda   1 / 5  Dereita  

Con campañas propias e apoiando e reforzando o traballo dos seus respectivos partidos, as agrupacións xuvenís teñen moito que dicir na carreira electoral. Saben que o voto da mocidade é importante, por iso concentran boa parte do seu esforzo en achegar aos máis novos a visión que cada partido ten para este sector da poboación con dereito a voto.

Visitas a campus, lugares de ocio, mercadiños, actos específicos para os máis novos e moito merchandising centran a estratexia de Novas Xeracións, Galiza Nova e Xuventudes Socialistas nesta campaña que está a piques de rematar.

PSdeG

“Queremos que a xente vote e que os mozos e mozas sexan conscientes da importancia que teñen estas eleccións e de que cada voto importa”, explica María Dolores Rodríguez, secretaria xeral das Xuventudes Socialistas do PSdeG. A socialista comenta que a aportación da sección moza dos socialistas galegos está a desenvolver a súa propia campaña electoral “coordinada coa do propio partido”.

Baixo o lema 'Queres que volvan?' e cun cartel no que aparece Manuel Fraga como ventrílocuo manexando ao actual candidato do PPdeG, Alberte Núñez Feixóo, a campaña dos mozos socialistas está a ser moi comentada. “A idea naceu en Xuventudes Socialistas e materializouna unha axencia publicitaria”, comenta a secretaria xeral, que explica que “unha imaxe vale máis que mil palabras”. A mocidade do partido socialista resume con esta imaxe a súa proposta política. “Nós aportamos outra visión distinta á dos que gobernaron durante 16 anos a Xunta de Galicia. O PSdeG é estabilidade e confianza, cambio e evolución”, resume María Dolores Rodríguez, que explica que o seu grupo participou na redacción do programa electoral en materia especificamente xuvenil e e en áreas como a de vivenda, emprego e educación.

Novas Xeracións

Pola súa banda, María Seoane, presidenta da Novas Xeracións do PPdeG, explica que estes días a súa axenda e a dos seus colaboradores está “moi apertada”. Polas mañás, fai campaña propia coa súa caravana en campus universitarios, centros de formación e lugares frecuentados pola mocidade, e polas tardes van aos mitins e actos electorais de Feixóo.

“Estamos facendo unha campaña propia achegando as propostas de Feixóo que afectan directamente á xuventude aos máis novos. Sabemos que o tema da vivenda e o emprego preocupan aos mozos e mozas galegos porque nolo comentan cando repartimos propaganda”, explica a presidenta de Novas Xeracións, que explica que as súas accións están a ter “moi boa recepción” entre os máis novos, sobre todo, puntualiza, “na franxa de idade que vai dos 18 aos 23 anos”.

Galiza Nova

A secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, recoñece que o traballo de campaña ven de meses atrás. “En Galiza Nova empezamos a campaña meses atrás coa elaboración do programa electoral na área xuvenil e en áreas transversais que afectan á mocidade. Fixemos unha serie de propostas que a dirección do BNG incorporou ao seu programa”, comenta.

Aboi, que admite que o voto xuvenil é “decisivo” explica que Galiza Nova ten unha estratexia electoral propia que empezou cunha campaña do voto por correo para facilitar o sufraxio entre os mozos “sabendo que as eleccións coinciden cos exames e que moita xente nova está fora de Galiza”.

Agora a campaña de Galiza Nova, 'A forza que Galiza precisa' cunha temática que recorda a lenda de Escalibur, complementa á do BNG, achegando os “logros” do BNG nos últimos catro anos nas distintas consellarías e especificando as cuestións de mocidade para a próxima lexislatura ao público xuvenil. “Facemos actos propios e abertos e estamos a notar moi boa acollida entre a xente nova, que tradicionalmente apostou sempre polo nacionalismo”.

O Entroido, un aliado

As tres líderes xuvenís galegas cren que a coincidencia das eleccións coa celebración do Entroido non vai supoñer un contratempo nos resultados finais do sufraxio.

Iria Aboi, de Galiza Nova, revela que o Entroido estalle a servir á súa agrupación para facer unha campaña máis animada, formando comparsas e charangas na súa posta en escena. “O Entroido non é incompatíbel con ir a votar.Espero que a festa que Galiza vive nestes días non se corte se gaña o PP senón que se alongue coa celebración do resultado das eleccións galegas”, revela.

A secretaria xeral das Xuventudes Socialistas, María Dolores Rodríguez, sinala que o Entroido está a ser utilizado pola súa agrupación para facer campaña e chegar mellor á xente. De feito comentou que na Coruña, as Xuventudes Socialistas desfilaron vestidos de espías.

Merchandising variado

Camisetas, chuvasqueiros, chapas e postais, son xa un clásico no material propagandístico dos distintos partidos. A novidade nesta campaña está na bebida enerxética 'Feixóo 2009' que as Novas Xeracións reparten nos seus actos e os condóns, que segundo María Seoane, “están a ter unha grande acollida”.

Na rede, a campaña tamén está a ter importancia. Iria Aboi explica que en Galiza Nova subiron varios xogos virtuais inspirados en Escalibur para presentar a súa proposta política.

As piruletas das Xuventudes Socialistas, explica María Dolores Rodríguez, están a dar o toque doce a esta campaña que está a piques de rematar.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río