Redacción . O espectáculo Rosalía 21 celebra o aniversario da poeta no Teatro Principal de Compostela. O proxecto multidisciplinar fora estreado na Habana o ano pasado, no marco da Feira Internacional do Libro en que Galiza fora cultura convidada. Agora preséntase por primeira vez en Galiza.
Dez temas novos compostos por Abe Rábade Quartet póñenlle música aos versos da poeta nas voces de Uxía Senlle, Guadi Galego e Anxo Angueira. É o mellor xeito de conmemorar o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro de 1837. Precisamente, Anxo Angueira e Abe Rábade estiveron na presentación do evento, onda o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, e a presidenta da Fundación Rosalía de Castro, Helena Villar Janeiro. O espectáculo Rosalía 21, que se estreara na Feira Internacional do Libro da Habana, promovido pola Consellaría de Cultura, é un proxecto dirixido polo escritor e profesor Anxo Angueira, onde se mesturan música, poesía e audiovisual. O cuarteto de Abe Rábade actualiza desde o jazz e a música contemporánea a imaxe de Rosalía de Castro. A música corre a cargo do cuarteto formado por Abe Rábade ao piano, Jesús Santandreu ao saxo, Nelson Cascais ao contrabaixo e Bruno Pedroso á batería. No espectáculo poderanse oír poemas como "A xusticia pola man", "Negra sombra", "Ladraban contra min", "Tecín soia a miña tea", "Miña Santiña" ou "Alborada", entre outros. Os temas son nalgúns casos cantados por Uxía Senlle e Guadi Galego, e noutros recitados melodicamente por Anxo Angueira. O espectáculo complétase cunha proxección audiovisual onde participan autores como a experta en Rosalía, Vitoria Álvarez Ruiz de Ojeda, ou escritores coma Xosé Luís Méndez Ferrín, María do Cebreiro, Xabier Cordal, María Reimóndez, María López Sández, a historiadora Nancy Pérez e o propio Angueira. As súas declaracións están tomadas en paisaxes simbólicas coma A Coruña, Lugo, Padrón, Santiago, Vigo, Laíño ou o castro de Baroña. Outras actividades A Consellaría de Cultura publicou ademais un libro sobre Rosalía de Castro, con artigos de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, María López Sández, Iria Sobrino, Nancy Pérez, Xabier Cordal, Daniel Salgado, María do Cebreiro, Iago Castro e María Reimóndez. O libro edítase en catro idiomas: galego, español, inglés e francés. A conmemoración do Día de Rosalía complétase cos actos da Fundación Rosalía de Castro, dirixidos a escolares da contorna da Casa da Matanza. Este ano, o alumnado de primaria e secundaria de centros escolares de Padrón e Bertamiráns participará nas actividades programadas para o xoves 26 e o venres 27: o primeiro día presentarase o libro Quen casa ten de seu. Contos na casa de Rosalía, con relatos de Marilar Aleixandre, Miro Villar, Helena Villar Janeiro, Xosé Antón Neira Cruz e Fina Casalderrey, e ilustracións de Fausto Isorna, Miguelanxo Prado, Ramón Marcos, Iván Suárez e David Pintor; e o venres desenvolverase un recital poético a cargo dos alumnos e alumnas, coa participación tamén da vicepresidenta da Fundación Rosalía de Castro, Ana Blanco Gómez.
GUadi Galego e Anxo Angueira en Rosalía XXi
Descargar Tarifas