Postos de traballo, redución da fenda dixital, novos modelos de negocio, oportunidades para a língua galega, vantaxes competitivas, mellora da produtividade, independéncia tecnolóxica, maior capacidade para a internacionalización das nosas empresas, maior potencial de innovación, abastecer a demanda de produtos e servizos tecnolóxicos dos nosos sectores productivos... camiñar cara a unha cultura viábel, cara a unha economía sustentábel: iso é o que significa a día de hoxe promover o software libre.
Como vemos, non se trata só dunha mellor opción tecnolóxica por ser máis segura, mais fiábel ou máis competitiva que as convencionais: trátase sobre todo dunha oportunidade para afrontarmos con éxito o tránsito cara ise novo modelo produtivo no que a materia prima é o coñecemento.
O reto do novo goberno será fornecer a sociedade galega de ferramentas que nos permitan conducirnos a través dese proceso –primeiro chamáronlle crise e agora recesión– e o software libre demostrou claramente ser unha das ferramentas que máis nos están axudando a reducir a barreira de entrada.
Cando se escolle un goberno, faise para materializar unha proxección de futuro; por iso revisar os programas electorais resulta ser un mecanismo útil para comprobar se a proxección que nos propoñen neles coincide coa nosa propia visión das cousas. Mais os programas electorais non deixan de ser relatorios de promesas, e por iso cómpre examinalos á luz de feitos constatábeis que nos permitan diferenciar entre poses electorais e compromisos efectivos: e con este propósito nada mellor que revisar o que se fixo –e o que non– durante estes case catro anos de goberno.
A esta tarefa estarán adicados os parágrafos seguintes, que se fecharán cun apartado final de conclusións para quen teña menos interese no relato detallado dos feitos e os datos contrastados.
Proposta inconsistente do Partido Popular
A comezar polo partido da oposición, no programa do PP só atopamos unha única referencia relativa ao software libre que propón o "Impulso da implantación de software libre e uso de estándares abertos na Administración Autonómica, compartindo e reutilizando o software que fose creado con diñeiro público, sen posicións dogmáticas (...)".
A proposta popular non resiste o máis benévolo dos exames. Resulta estupendo que a dereita española se nos apunte agora ao carro do software libre, mais difícilmente resultará críbel mentres non expliquen por qué prometen facer agora o que non fixeron durante os 16 anos que estiveron na Xunta; ou por que debemos crer que van fazer na Galiza o que non están facendo nas comunidades autónomas onde gobernan.
Tampouco nos explican por qué prefiren o software libre fronte a outras opcións –revelación divina? moda?– e advírtennos, iso si, de que o farán sen posicións dogmáticas. A qué posicións se refiren? Se cadra ás da Free Software Foundation? Sería máis apropiado entón que falaran de código aberto mais iso requiriría ter unha mínima noción do que se fala, e todo apunta a que non estamos nese caso.
Pero a inconsistencia máis evidente é a que radica no feito de simplificar no ámbito da administración pública as súas políticas de implantación do software libre: simplemente non é posibel formular a migración da Xunta a software libre sen facer a necesaria referencia ao tecido tecnolóxico que deba absorber a correspondente demanda de produtos e servizos que ese proceso xeraría.
Dúbidas na proposta do PSOE
Máis escuetas aínda son as propostas que aparecen no programa do PSOE e que mesturan software libre con código aberto sen máis explicacións. Estas propostas aparecen en dous contextos: o da educación en primeiro lugar e tamén nunha sección que, de forma extravagante, denominan "da sociedade do coñecemento e da información". No primeiro caso propóñennos a implantación progresiva do software libre mediante plans experimentais, prometendo no segundo potenciar "dun xeito especial o desenvolvemento do software de código aberto na educación, sanidade e para o conxunto da administración".
Das propostas dos socialistas pouco se pode extraer alén de dúbidas: non se entende por qué falan de plans experimentais e de implantación progresiva na educación, cando se hai algo no que teña experiencia o PSOE –e moi positiva por certo– é xustamente na implantación masiva de software libre. Así se pode constatar claramente nos casos de Andalucía ou Extremadura, onde gobernan en solitario. A qué responde entón esta resistencia do PSOE para comprometerse claramente a implantalo no caso galego? A dúbida que xorde podería moi ben explicarse en base á sospeita de posíbeis compromisos dos socialistas galegos co holding español de Microsoft; e neste sentido farían ben os responsábeis galegos do PSOE clarexando estas contradicións por que ninguén as entende e só xeran desconfianza.
As dúbidas dende logo son de calado, pero o máis reseñábel da proposta dos socialistas é que, se ben neste caso amplían o ámbito da implantación máis alá da administración pública –abranguendo tamén os da educación e a sanidade– cometen o mesmo erro que os populares ao esquecer o máis importante: que non é posíbel implantar software libre de costas ao metasector TIC galego, pois son as empresas implantadoras as únicas que poden facer posíbel ese proceso. Este punto fai que a proposta socialista, mesmo cando está mellor orientada que a do PP, resulte claramente deficiente.
Claro compromiso do BNG
Fronte a estas dúas confusas propostas, contrasta o programa do BNG: o único que amosa un compromiso claro co software libre. As referencias aparecen en dúas seccións: a centrada no benestar social e a igualdade, e a que agrupa as medidas adicadas ao desenvolvemento económico e no emprego -facendo así patente que no BNG se comprende a importancia do software libre tanto na súa faceta social e cultural como na puramente económica.
Deste modo, no primeiro caso a organización nacionalista propón o uso de software libre como ferramenta de inclusión dixital e para a formación; no segundo caso –tras facer unha análise da labor realizado no goberno, destacando a posta en marcha do PEGSI e o alto grao de introdución do software libre nas empresas– pasa a detallar propostas tales como: a consolidación de Mancomún, potenciar o uso na cidadanía e nas empresas ademais de estendelo aos organismos da Xunta e aos Concellos, desenvolver software libre sectorial para o seu uso no ámbito empresarial; e, indirectamente, outras como as de formación con software libre en relación á Rede de Dinamización da Sociedade da Información.
Resulta patente que a proposta do BNG é con diferenza a que máis atención presta ao software libre; mais de todas as medidas que propón cómpre destacar unha, que pola súa importancia compre reproducir textualmente: Tramitar, nos dous primeiros anos de lexislatura, un decreto de uso dos estándares abertos na administración. Decretar o uso de estándares abertos no eido da administración pública situaría a Galiza na órbita dos países máis avanzados –como é o caso de Dinamarca ou Holanda– sinalando un claro camiño de converxencia coas políticas públicas que están a ser promovidas dende a Unión Europea para a implantación dunha administración electrónica baseada no criterio de interoperabilidade.
Primeiros pasos en positivo: Acordo de Goberno e PEGSI
Tras perder as eleccións, o PP vería como BNG e mais PSOE asinaban un acordo programático que sería a base para a formación do goberno. O software libre aparecía neste texto na forma de dúas medidas, nesta orde:
Unha vez conformado o Goberno, estes compromisos quedarían repartidos equitativamente entre os dous partidos políticos, ao asumir o BNG a carteira de Innovación e Industria, e o PSOE a de Educación.
Os primeiros en reaccionar foron os nacionalistas que, dende a Consellaría de Innovación e Industria, puxeron en marcha a iniciativa galega polo software libre, abriron un traballo de colaboración coas asociacións de software libre e deron os primeiros pasos de cara á tramitación da que sería a primeira planificación tecnolóxica da Historia de Galiza: o Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI).
O PEGSI destacaría por incluír un eixo transversal sobre coñecemento aberto no que de forma explícita definía medidas para promover o software libre e os estándares abertos. Co apoio dos socialistas, esta iniciativa do BNG lograría acadar primeiro o visto bó do Consello da Xunta para obter despois o apoio do Parlamento.
Mais o grao de cumprimento na execución do PEGSI acabaría por ser moi distinto en cada caso; asi, en tanto que o BNG maximizaba o cumprimento dos seus compromisos, o PSOE amosaría serias dificuldades para seguir o ritmo incurrindo en claras contradicións que levantaron as lóxicas suspicacias na cidadanía.
Decidida aposta nacionalista, sorprendente incoherencia socialista
Desta maneira, chegados ao cénit da lexislatura, comezarían a facerse públicas as primeiras protestas contra a práctica tecnolóxica das consellarías socialistas, como exemplificaron o caso dos PC sen utilizar da Consellaría de Educación, ou o millón e medio de euros pagados a Microsoft en concepto de licenzas con data de caducidade por parte da Consellaría da Presidencia.
A situación de disconformidade alcanzaría un punto crítico coa chapuza da tradución de Windows Vista ao galego, que acabou salpicando o mesmo Emilio Pérez Touriño. Lonxe de rectificar o seu erro, Touriño optaría pola moi castellana opción de mantenella y no enmendalla, dándolle carta branca á compañía norteamericana para facer uso da nosa Secretaría Xeral de Política Lingüística como se dun departamento comercial se tratara.
Desta maneira, os pasos que se deron a prol do software libre nas consellarías socialistas foron poucos e moi tímidos, debendo atribuirse na maior parte dos casos á meritoria iniciativa de técnicos e profesores concienciados
Unha situación moi distinta era a que se podía comprobar nas consellarías nacionalistas, que progresivamente comezaron a incorporar o software libre na suas liñas de actuación e a requerilo nos seus procesos de contratación.
De todas elas, o protagonismo correspondeulle á Consellaría de Innovación e Industria, dende a que se aprofundou na estratexia de promoción do software libre apoiando economicamente mediante convenios ás asociacións de software libre, ás empresas a través de AGASOL, ás tres universidades para a creación das oficinas de software libre universitarias ou aos autónomos para a adquisición de hardware con software libre, primando as axudas públicas a proxectos libres, contratando unha plataforma de hardware funcional ao 100 por cento con software libre, iniciando a posta en marcha do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre ou poñendo en marcha a Rede de Dinamización da Sociedade da Información, que comezaría a impartir formación empregando software libre nos seus centros localizados en todo o país.
Recoñecemento internacional e resultados concretos
No 2008 comezarían a chegar os recoñecementos internacionais á estratexia galega de promoción do software libre. O primeiro chega cando se anuncia que a Unión Europea escolle o modelo galego de Mancomún para a posta en marcha do Repositorio Europeo de Software Libre (OSOR). Este fito veríase reforzado cando Mancomún resulta escollido como a única iniciativa do Estado español que participaría no lanzamento do Centro Europeo de Interoperabilidade Semántica, o SEMIC. Pouco despois Mancomún sería sinalada pola propia ONU –a través dun estudo realizado por investigadores da Universidade de Maastricht– como referente internacional para Europa e Lationamérica na promoción do software libre dende a administración pública.
Galiza convertíase en líder internacional na promoción do software libre; e no ámbito do Estado español, o propio INE recoñecería o liderado galego no eido empresarial, cun 8,2 por cento de uso na empresas galegas, fronte ao 7,2 por cento da media española.
Mais sería enfiando xa o final da lexislatura, que o goberno galego, de novo a través dunha consellaría nacionalista, acadaría dous fitos de gran simbolismo e importancia: a tradución da suite Mozilla ao completo –resolvendo unha situación de varios anos de bloqueo– e sobre todo o lanzamento de Galinux, o primeiro sistema operativo público galego.
En claro contraste, os socialistas rematarían a lexislatura promovendo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a concesión a Microsoft dun galardón "polo seu esforzo de xuntar a diversidade lingüística coas novas tecnoloxías"; absurdo galardón que conseguiría en poucas horas poñer de acordo o conxunto da comunidade galega do software libre para emitir un comunicado de protesta no que chaman a atención sobre este xiro do goberno na dirección incorrecta e facendo un chamamento para "que a política futura do goberno galego avance apoiándose no software libre e erradicando manifestacións gratuitas e incoherentes coma esta".
Descargar Tarifas