Votar como emigrante é un dereito que moitas veces costa exercelo con dignidade e seguindo a lei. As irregularidades no voto de fóra non son culpa dos votantes senón dun sistema inxusto e ineficaz.
Como residente galega no exterior, estou inscrita no CERA dende 1998, e exerzo este dereito sempre, menos nas eleccións municipais onde négome por principios, a participar en Galiza, porque xa voto na comuna de Ixelles en Bruxelas, onde resido e fago a vida diaria. Así que hoxe cedo fun recoller o correo certificado de aviso de chegada da inscrición consular e as papeletas á Poste belga, onde foi entregue previa mostra de pasaporte. Ainda que non é suficiente, Bélxica garante por convenio con Correos este mínimo insalvábel que seria a acreditación de quen recolle unha documentación persoal enviada internacionalmente. Non pasa o mesmo noutros lugares como ben sabemos, onde calquera pode ir no teu nome a buscalo. Tardou en chegar... antes recibín senllas cartas de Zapatero e Raxoi, –por certo son candidatos eles ás eleccións galegas?–, remitidas dende un mailing enviado dende a Confederación Helvética, será mais barato, fará Suiza un bon prezo? E o exemplo do uso da diáspora como instrumento cuantitativo e non pola súa posibel calidade, como feito dunha nación no mundo como o que somos.
Seguimos a miña ruta electoral. Sain da Poste e en lugar de votar ali mesmo, que sería o máis sinxelo, funme ao Consulado, como mostra de indignación como a mínima vía discretamente garantista, que é a recomendación que lles facemos a todos os residentes que votan no exterior, que dada a incerteza do sistema, vaian aos Consulados alá onde existan.
Asi que hoxe, 20 de febreiro, eu xa votei. O voto foi por Teresa, Henrique, polas Carmes, Bieito, Quico, Montse, polos Robertos e Xosés Manueles, Iria, Susana, Marga, Marta, Uxío, Cristina, Alberte, Elsa, Xulio, Ánxela e Modesta. 12 mulleres e dez homes, compañeiras e compañeiros do BNG. Os votos do exterior son enviados antes do 1 de marzo e recóntanse posteriormente. Non van decidir as eleccións galegas, senón que o que pase, que vai sen dúbida ser un resultado moi positivo para o BNG, vai ser decidido o dia 1 de marzo. O debate sobre o o voto exterior, afastado, repetitivo, e necesario como vimos nós dende hai anos anticipándonos con propostas de reforma, oscila como as modas segundo lles interese aos dependentes del, ou sexa, ao PP e PSOE. Os nacionalistas galegos mantemos unha postura de coherencia dende hai moito tempo, reclamando dereitos e reclamando unha reforma integral do sistema, mais tamén unha relación integral, transversal e de dignidade coa diáspora galega, non só en función conxuntural das eleccións e do voto senón continua e constante. Esta perversión de asociación diáspora-voto iniciouna Fraga en base a criterios de rendibilidade –disto tamén é culpábel–, que provocou que a sociedade galega actual desconfíe da relación co seu mundo exterior, porque o sistema deu abundantes casos, até xudiciais, de que si é posíbel a súa manipulación. Para nós, a diáspora galega é algo máis que un voto, nunca me cansarei de repetilo dentro e fóra e a quen sexa. A galega ou galego do exterior que ten este dereito é o suxeito activo e pasivo dun dereito estabelecido por unha lei, lei anquilosada, e ben sabemos que ese suxeito individual non ten culpa deste sistema colectivo, que é irregular, mais cómpre explicarlle os seus defectos e dicir claramente que o BNG é criminalizado como recortador de dereitos simplemente por tratar de modernizar un sistema antidemocrático, que roza a ilegalidade e que non ten transparencia nin garantías. Moita xente fóra, en especial nas latitudes do Río da Prata, onde está concentrado o número maior de persoas de orixe galega e descendentes, afixéronse a prácticas cómodas, sen pararse a pensar o que era correcto ou non. Sempre se fixo así, dicían. O PP e o PSdeG sabian iso, sabian das carencias, e apuran estes dias a turbo campaña en Bos Aires, en Montevideo, motorizados de porta a porta. Tamén son ecolóxicos, que sabemos de casos de recollida de votos en bicicleta!! A nosa é unha campaña austera, non hai xantares, só palabras e insistencia da petición do voto que se emita nos consulados. Poderán dicir o que queiran, pero non houbo nunca un caso do BNG de usufructo deses votos, de apropiación da dignidade pedindo pasaportes ou papeletas.
Detrás de toda esa corruptela consentida legalmente está o problema de fondo, que é o da participación política das galegas e galegos no mundo. Somos unha nación expatriada, diso non hai dúbida. Asumímolo; podemos, pero debemos votar, onde cando e como, até onde debe chegar o alcance deses dereitos? Os deputados Suárez Picallo e Castelao defendian en 1931 que a emigración galega debia ter unha representación por unha circunscrición da diáspora. Por aí debe ir o futuro. Nin branco nin negro, cómpre escoitar á Galiza global no seu conxunto, ao interior e ao exterior, pois a diáspora tamén reclama unha cirscunscrición propia onde poida elixir os seus representantes. Debemos contar dun xeito ou outro as galegas e galegos do mundo para Galiza, e a decisión pasa por definir un sistema coherente, xusto e transparente. Para nós, a nosa relación con Galiza non pasa polo voto, nin isto quere dicir que non poida recoñecerse ese dereito, máis vai alén diso, é unha relación de dereitos e deberes, de comunicación e de dignidade.
Asi que eu xa votei, e a LOREG –que pouco ecolóxica, a diferenza dos axentes electorais deses partidos– obrigoume a facer dúas viaxes en bus para ir exercer o meu dereito, a ter que pagar peaxe dúas veces, a ter que entrar como unha clandestina no consulado, como se viñese molestar, a ter que seguir denunciando este sistema, como fan o resto dos meus compañerios do mundo, dende DF a Bos Aires, dende Montevideo a Caracas, dende Zurich a Newark, dende Andorra a Xenebra, de Leeds a Chile. Porque tamén moita xente dende o exterior quere seguir transformando o noso pais, pois vive coa identidade portátil e comprometidos futuro de Galiza, malia onde residamos. E votamos, incluso ate para reformar a lei que cecais un día permitirá ou non que poidamos facelo, tratando de que o noso voto axude a que goberne unha forza política que mude un sistema ineficaz, inxusto, e do que non queremos ser partícipes porque desvaloriza a nosa nación, a nosa imaxe no mundo, a de dentro e a de fóra.