Teño que viaxar á Feira do Libro da Habana. É a miña primeira vez en Cuba, e vou estar na illa menos de 72 horas. Coincídeme coa pinta semanal co vello John, e como sei que a el lle gusta pasar parte do inverno ao sol, convídoo a que veña canda min. Total el non necesita visa nin paga pasaxe nin hotel, e apúntase.
O espectáculo ao que asistimos en Cuba é extraordinario. No bo, pero sobre todo no malo. John, que a diferenza de min xa coñece máis lugares do Caribe, dime que non entende nada e pregúntame se podemos quedar con Yoani Sánchez antes de coller o avión de volta, para que nos explique. Yoani Sánchez é unha blogueira independente, a única que mantén un medio de comunicación non gobernamental na illa.
Aínda que na illa, na illa, non. Na illa o seu premiado blog, Generación Y, está bloqueado. Nós, usando a conexión á internet do hotel, non podemos acceder. Tampouco poden acceder os cidadáns que fan fileira dunha cuadra á porta dos poucos locais da Habana onde se lles ofrece a internet aos cidadáns cubanos. Nin sequera ela, que é unha privilexiada por ter ordenador en casa, pode entrar no seu blog. Envíalle o material que quere publicar a amigos que están fóra do país, eles publícano e reenvíanlle de volta os comentarios, que adoitan sobrepasar o milleiro por post. Ela recíbeos cando hai rede, que non é sempre. Cuba está en 1994 en tempo da internet. Pero politicamente está séculos atrás.
Porque calquera pensaría que, pra recibir esa censura, Yoani Sánchez é unha furibunda anticastrista. En absoluto. Yoani é unha rapaza delgada e moi moderada nos seus posicionamentos. Ela limítase a describir e explicar o que todos podemos ver na rúa: a prostitución xeneralizada, o mercado negro, o desabastecemento das tendas, a falta de liberdade de movementos... pero faino dun xeito tranquilo, calmo, cunha prosa estupenda e cun afán de protagonismo próximo a cero. De feito, chega bastante tarde á nosa cita no hotel: tivo que esquivar os vixilantes que o Ministerio de Interior colocou nos baixos da súa casa e que a seguen aló onde vai, pero insiste en non falar do tema, en restarlle importancia.
Yoani é unha das cabezas máis visibles da disidencia nun país onde todo o mundo é funcionario. Pero non todos os funcionarios son iguais. Os funcionarios que están en contacto co turismo, que cobran propinas en pesos convertibles, que enganan o visitante facéndolle mercar cueiros que logo revenden, que cobran sobreprezos en negro ou que se resisten a poñer o taxímetro, teñen moita sorte. Eles poden cobrar nun só día máis ca unha parella de enxeñeiros nun mes. E ese desequilibrio, que vai a máis, ten unha dobre consecuencia: dunha banda, os afectos ao réxime e que adoitan ocupar postos de traballo lonxe do turista, son cada vez máis pobres; doutra, empeza a haber unha gran cantidade de persoas que acumulan diñeiro con prácticas pouco morais, e que a única forma que teñen de gastalo é mercando roupa de marca (chinesa) ilegalmente. Persoas que, como di Yoani, "aplauden nas manifestacións e constrúen a balsa na casa".
É o que Yoani define, pedindo desculpas, como emputecimiento da xente, envilecemento que foi a máis neste último ano que Raúl Castro leva na xefatura do Estado. "Levan moitos anos comprando tempo. Coa extinción da URSS mercaron tempo, co bloqueo mercaron tempo, e coa chegada ao poder de Raúl volveron mercar un bono de tempo. Pero ese último bono xa está esgotado", di Yoani. Por iso Yoani está a favor de que remate o bloqueo. "Agora o bloqueo leva todas as culpas. Sen bloqueo alguén tería que explicar por que en Cuba non hai limóns, por que os ananás dos hoteis se importan da República Dominicana". E é que, ademais das dificultades exteriores, en Cuba hai un sistema económico completamente colapsado pola mala xestión. Eu dígolle que o argumento procastrista en Europa é basicamente o de comparar Cuba e Haití. "Non quero compararme con Haití nin con Suíza. Só quero comparar a Cuba que hai coa que nos prometeron. Coa que lles prometeron aos meus avós, coa que lles prometeron aos meus pais e coa que me prometeron a min. A Cuba pola que tres xeracións sacrificaron a súa vida e que non dá chegado. E que non vai chegar", respóndeme ela.
O descontento é grande e xeral, pero desorganizado. Pero empeza a artellarse. Yoani vén falar con nós ao hotel despois de presentar na véspera un libro no exterior da Feira da Habana, sobre a herba. Era o sitio libre que quedaba despois de que, ao lugar e hora inicialmente previstos, acudisen dous colexios de primaria a voaren papaventos. Eu estaba a escasos 100 metros, pero non souben nada ata o día seguinte, cando lin a prensa internacional. O libro Boring Home, o primeiro presentado ilegalmente en Cuba, é de contos e non especialmente crítico co réxime, explica Yoani. Pero o autor, Orlando Pardo, si que o é. Polo tanto non pode acceder á publicación nun país onde a materia prima se dedica exclusivamente a reimpresións de Lenin ou a títulos como La revolución socialista en los Estados Unidos. Un debate necesario. Xuntáronse no acto 40 persoas por correo electrónico. Había entre eles, di Yoani, xente nova e algúns escritores non oficialistas, pero si no sistema oficial. Levaron prá casa o cd co libro, que tamén se pode descargar da internet. En Cuba, a última ditadura de América, non hai internet libre. Os móbiles son recentes e prohibitivos, ao alcance só dos que teñen contactos no mercado negro ou reciben cartos dos parentes de Miami. Pero ante a censura do papel, son o único medio. E, malia todo, empezan a funcionar.
Descargar Tarifas