
O Demo pode facerlle determinados servizos a unha persoa mediante o establecemento dun pauto que supón para a persoa a venda da súa alma ou a dun parente próximo, normalmente un fillo ou unha filla. É condición indispensable que o pauto se faga por escrito e este ha de ir asinando co sangue do que o suscribe. O pauto pode facerse a requirimento do home ou da muller que convocan o demo ou ben despois de que o demo se presente porque é sabedor dos degaros de determinadas persoas. Para chamar o Demo deben seguirse as invocacións que veñen nos distintos grimorios e moi especialmente no Ciprianillo. O Demo adoita presentarse ás persoas moi ben traxeado e falando en castelán. As Bruxas, como é ben sabido, teñen pauto co demo, e válense del para facer moitas das súas falcatruadas. Moitas outras persoas do común, supoñemos que por preguiza, formalizan pautos co demo para liberarse de facer determinados traballos penosos ou desagradables. Non deben ser moi conscientes de que eso pode supoñer tremendos perigos. Con todo, sempre queda unha posibilidade de salvación antes de entregar a alma. Sempre hai unha última ocasión de enganalo impedindo que el poida cumprir a súa parte do pauto, e en consecuencia anulando o propio compromiso.
É de sinalar que a imposición dos demouchiños é tamén pauto co demo, igual que a obtención de demiños e da caixa dos demachiños. En Asturies os Pautos son, de feito, demiños, similares ós demachiños e demouchiños nosos, que outorgan grande poder a quen os posúe. En Euskadi, o Patu é o mesmo ser. Ter Pauto en Asturies é ter axuda dos espíritos. Ter “buen Patu” en Ibárruri, Euskadi, é ter sorte en todo o que se emprende. O Pauto pode, pois, implicar estar posuído polo demo de facto, e así lles ocorre ás meigas. Véxase: “Conta o Félix que había unha muller en Marce que lle chamaban a Generosa do Pólvora, que era irmá da Monfortina, e que cando lle morreu seu pai ela estaba alí por debaixo da casa e que ladraba igual ca un can. E dicían que pouco antes de morrer pedíalle a man dereita á súa irmá e que esta non lla deu. En vez deso, deulle o rabo dunha vasoira. E Generosa morreu e a vasoira marchou voando”. Na mesma parroquia, no lugar da Míllara, vivían varios irmáns. E un día, dinos David, “durmiamos un irmán meu, que marchou para Bos Aires e máis eu. E do outro lado –metíase só unha parede polo medio– vivía unha muller, a señora Vicenta. Era moi prosmeira. Viñera de fóra, de Vilaquinte, non era da aldea, casara nela. E estabamos durmindo e pola media noite sentíase unha voz: «¡Dádeme a man dereita, dádeme a man dereita!» Meu irmán non me deixaba rebulir: «Escoita, escoita.»
”Un home de Belesar (Vilalba) tiña unha forza descomunal. Cando lle preguntaban o camiño levantaba cunha soa man o arado e amosábao coa punta da rabela: “Váise por alí”. Levantaba carros el só, non se sabía ata onde chegaba a súa forza. Chegado o momento da imposición entregou un dedo ós demouchiños, a partir dese día escomenzou a mirrar e quedou case absolutamente paralisado. Un ano despois morreu.
Descargar Tarifas