
Convocatoria dun rezo colectivo para implorarlles aos banqueiros que nos presten os nosos cartos, que os teñen eles.
Cantos millóns leva enterrado xa o goberno nos petos dos señores Francisco González (BBVA), Ángel Ron (Popular), Emilio Botín (Santander), Isidro Fainé (Caixa), Miguel Blesa (Cajamadrid) , Luis Olivas (Bancaja) e outros ilustres colegas?
Os oitocentos vintecinco mil millóns de dólares do plan de Obama desta semana, son os mesmos oitocentos e pico de Bush ou son outros? Cantos levan xa?
En Portugal, o goberno socialista de José Sócrates ven de “nacionalizar” o BPP para evitar a falencia. Agora, vaise descubrindo que iso custará aos petos dos portugueses o suficiente como para financiar outra autopista entre Lisboa e Porto, ou a metade do novo aeroporto de Lisboa, ou da liña de alta velocidade. Un pequeno detalle: os clientes do BPP son un minúsculo feixe de millonarios caimáns e a pasta destinarase a asegurar os seus insulares “aforros”.
A min sacáronme case un millóns das antigas pesetas en impostos, no ano pasado. Quen me coñeza sabe que non os dei voluntariamente, obrigáronme a darllelos no IRPF. Eu ben sabía onde ían parar eses cartos, non os quería dar!!!
E daquela, que se pode facer Vladimir?, preguntará o leitor ou leitora.
Dado o escaso eco que acadou a convocatoria, feita desde este blog, de manifestación para deixar que actuasen libremente as forzas do mercado, levándose a esa cuadrilla de vampiros por diante, estiven a analizar as causas de tamaño fracaso. Como é posíbel que, con semellante crise, as xentes non saian á rúa desesperadas para pór os puntos nos is?
Equivocamos o noso diagnóstico. Demos un paso adiante e dous atrás, doenza infantil, pois é obvio que as masas non estaban preparadas para seguir a súa vangarda, non tiñan madurado aínda as condicións obxectivas e o factor subxectivo nos se desenvolvera coa rapidez que a situación requiría. A precipitada convocatoria respondía a un evidente caso de isolacionismo, sectarismo, esquerdismo, unilateralidade e outros catorce ismos e alidades máis. Evidentemente, a vangarda separouse da masa.
Daquela, o mesmo Zapatero aínda non pronunciara a palabra “crise” e falaba dunhas flatulencias do sistema financeiro, que non nos afectarían.
Así que a primeira pregunta que nos fixemos foi: quen está a conseguir unha conexión con amplos sectores sociais que permitan organizar as maiores mobilizacións cidadáns nos días de hoxe? Cal é o seu método de presión?
E así foi como apareceron tódalas respostas que procurábamos: faremos como a Conferencia Episcopal, que ven de angariar amplos apoios ás súas movidas, con notábel éxito na consecución dos seus obxectivos.
Así que:
Camaradas -e amigos-, CONVÓCASE UN REZO COLECTIVO PARA IMPLORARLLES AOS BANQUEIROS QUE NOS PRESTEN OS NOSOS CARTOS, QUE OS TEÑEN ELES.
O noso presidente organizou xa a primeira rogativa, na vangarda das masas, implorándolle aos señores Botín, González e santa compaña que nos dean cretos, que estamos necesitados. Sigámolo seu exemplo.
Que deus os oia e nos colla confesados.
Se non podes rezar en grupo, reza por separado, mais reza, non sexas insolidario.
Descargar Tarifas