Redacción . A Mesa pola Normalización Lingüística criticou hoxe a 'desproporcionada' actuación policial durante a manifestación de Galicia Bilingüe o pasado domingo á vez que condenou 'todo acto de violencia', en referencia aos altercados producidos durante a mobilización.
Carlos Callón, voceiro da Mesa pola Normalización.
Así, o presidente da Mesa, Carlos Callón, anunciou que a organización cursou unha protesta ante o Ministerio de Interior e a Delegación do Goberno en Galicia pola "desproporcionada" actuación da Policía durante o acto organizado por Galicia Bilingüe.
En concreto, Callón criticou as cargas policiais e os procesos de identificación de persoas durante a marcha. "Na zona vella de Santiago a Policía pedía a identificación a calquera persoa que estivese falando galego", criticou, "iso é coartar liberdades e di bastante da verdadeira intención da manifestación".
Ademais, o presidente da Mesa rexeitaron "con total contundencia" os actos violentos durante a manifestación do domingo e asegurou que debe "usarse a palabra para rexeitar a palabra".
Actitude do PP
Por outra banda, Carlos Callón manifestouse "preocupado" “pola actitude do Partido Popular" ao que acusou de "ir da man" na mobilización "cun partido de extrema dereita como é a Falanxe Española sen ningún rubor". "Vainos dicir o PP que a Falanxe defende o bilingüismo?", cuestionou.
Nesta liña, Callón asegurou que na manifestación púidose ver "un partido popular dividido" con "os seus principais dirixentes apoiando" a concentración e "consumando unha traizón aos seus votantes".
Así, o presidente da Mesa recomendoulle ao presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feixóo, e aos seus membros "que tomen rabos de pasa para a memoria", xa que se manifestan contra unha Lei de Normalización Lingüística que aprobou o PP, que cando se aprobou por unanimidade no Parlamento Raxoi era deputado", recordou.
En consecuencia, Callón cuestionouse se "vale a crispación pola crispación para conseguir votos" e lamentou "que haxa xente que se manifesta contra a lingua galega" nunha concentración que cualificou de "mobilización de odio e intolerancia".
Dereito á formación
En contraposición, Carlos Callón alertou de que a Lei de Normalización Lingüística "continúa sen aplicarse" e reclamou o dereito dos nenos a "ter unha formación completa”.
En relación ás demandas de Galicia Bilingüe, que reclama o dereito dos pais a elixir a lingua de ensino dos seus fillos, o presidente da Mesa sinalou que en España "non existe o dereito á ignorancia". "Non se pode dicir: ao meu fillo non lle ensinen matemáticas", apuntou, "porque o seu fillo ten dereito a ser formado dun xeito completo".
Descargar Tarifas