PUBLICIDADE
Venres, 12 de marzo de 2010
BLOG XABIER CID
Xabier
Cid
Xornalista
200 ANOS DO NACEMENTO DE CHARLES DARWIN
John e o aniversario de Darwin
De como John vai a unha homenaxe polos douscentos anos de Darwin, do que pensa das súas teorías, dos percebes, da televisión, e de todo o que pasa ao que un morre, incluído parte da súa vida sentimental.
 10.02.2009 | 10:16

A orquídea abella, un enigma sen resolver para Darwin A orquídea abella, un enigma sen resolver para Darwin

Estes días atravesamos un auténtico andazo de darwinite. Magníficos documentais na televisión pública británica, suplementos nos xornais, adhesivos de agasallo nas barras de chocolate... Charles Darwin, nado precisamente hai 200 anos, é un heroe e sobre todo un heroe nacional. O argumento máis repetido é o de que a viaxe no Beagle á descuberta dos pimpíns das Galápagos non foi pra tanto: o traballo que verdadeiramente estivo detrás d'A orixe das especies foi o do xardín do seu pazo de Kent.

Aproveito as celebracións e quedo co vello John pra ir unha conferencia sobre Darwin. É na sociedade local de ciencias naturais, e durante unha hora e media un botánico fala da importancia das orquídeas na configuración das teorías sobre a evolución. Que se a polinización cruzada, que se o 5x3 das monocotiledóneas, que se esta orquídea se pode atopar naquel campeiro ao pé da autoestrada a Glasgow, ou nunha braña aquí ao lado que, horror!, van transformar nunha urbanización, etc.

Ao remate, os da sociedade sacan unha pequena torta de cenoria cunha vela en forma de número 200 e alguén fai un brinde: que Deus bendiga a Darwin e as nosas orquídeas locais!, berran. Eu dígolle a John de bulir: hai unha pinta esperando por nós nalgún pub próximo. Pero nada máis saír pregúntame:

—E vós non fixestes algún documental sobre os percebes e a súa importancia na teoría da evolución?

Quedei cavilando... "Creo que non, John. A nosa televisión pública ten outra axenda". Pero como John morrera só unhas semanas antes de nacer Darwin, imaxinei que todo isto da teoría da evolución tería que lle ser sorprendente.

—Levo douscentos anos morto, pero non levo douscentos anos sen ler, sen escoitar a radio e sen tomar pintas. Tan obvio como a ti paréceme agora a min, e o único que me sorprende é que non fósemos conscientes antes se coñeciamos as artes de enxertar rosas e de sacar razas de pombo branco. De todos os xeitos, non sei qué tanto falas. A ensinanza maior de Darwin segue sen aplicarse incluso agora, e hai que aprendela cando morres.

—Anda, e cal é?

—Pois que os humanos sodes unha especie máis. Ao igual que tomo pintas contigo todas as semanas, teño conversas con vermes, raposos e paporrubios tan mortos como eu o estou, porque unha vez que perdes o corpo, vanche con el os prexuízos. Incluso tiven aí algo... xa sabes... cun buxo dos xardíns de San Carlos, pero a cousa non foi adiante, bueno, por moitos motivos... E vós, como humanos vivos, seguides a crer que a natureza está aí pra vestirvos, pra comela, pra queimala, pra servirvos a vós. Pero xa aprenderedes, xa. Como dicides vós...? Ah, si, beizóns pra Darwin.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río