Redacción . Os grupos parlamentarios do PSdeG e do BNG rexeitaron na Deputación Permanente a celebración dun pleno extraordinario, reclamado polo PPdeG para que comparecesen o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, sobre as obras realizadas en dependencias de San Caetano, e o máximo mandatario autonómico, Emilio Pérez Touriño, en relacións coa xestión de residuos de Sogama.
A votación produciuse logo dun tenso cruzamento de acusacións entre os membros do Bipartido e o Partido Popular. Socialistas e nacionalistas censuraron a petición dos populares lembrando a situación actual do empresario pontevedrés Pablo Crespo Sabarís (que foi secretario de Organización do PP de Galicia) e do ex 'número un' deste partido por Ourense, Luís Carrera. En todo caso, o BNG remitiu o PPdeG aos "debates electorais" para abordar calquera das cuestións expostas, argumento que utilizaron tanto Carlos Aymerich como Ana Pontón en relación ás obras da Xunta e a xestión de Sogama, respectivamente, xa que non ven "lóxico" convocar un pleno extraordinario a catro días de iniciar a campaña das galegas. 'O presidente máis austero' Pola súa banda, o portavoz do grupo socialista, Ismael Rego, defendeu que Touriño é "o presidente máis austero da historia" da Xunta de Galicia e asegurou que houbo "un cambio" nas políticas referidas á xestión de residuos. O socialista tamén recriminou que o líder do PPdeG, Alberte Núñez Feixóo, non acudise á Deputación Permanente e concluíu que a oposición segue "unha estratexia orquestrada pola dereita de España" porque "non ten alternativa". O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Manuel Ruiz Rivas, defendeu a necesidade de que comparezan Romeu e Touriño, ao que se referiu como "sultán de San Caetano" polo "malgasto" nas obras de tres salas desas dependencias. Na Deputación Permanente deste luns, o órganismo que substitúe o Pleno do Parlamento nos períodos non hábiles ou cando se disolve a Cámara por unha convocatoria electoral, a presidenta Dolores Villarino aproveitou a sesión para despedirse dos deputados.
Reunión da Deputación Permanente.
Ademais, Rego espetoulle a Ruíz Rivas que "para sobrevivir nas listas non fai falta chegar tan lonxe", en relación á renovación no PP e á caída das listas de persoas "da facción" de Fraga, e lamentou que o popular faga "bazofia política" e responda a unha estratexia de "mentiras e manipulación".
O portavoz do Grupo Popular expuxo, pola súa banda, as contas do "malgasto" realizado nesta lexislatura polo Goberno presidido por Touriño, entre os que destacou "os 93 asesores contratados, os 2,2 millóns de euros das reformas do despacho, os alugueres de edificios ou as obras de tres salas en San Caetano".
Así, ironizou con que os cristais que se instalarán "cambian de cor" e coa instalación dun estanque "para entrar con tranquilidade nesas reunións do Consello da Xunta". Censurou estas obras e lamentou que, pola contra, non se construíra "o edificio para o 112 ou o Palacio de Xustiza".
"Vostedes esquécense dos 240.000 euros no paraíso fiscal", espetoulle Aymerich en relación á suposta falta de pagamento de Luís Carrera e tachou de "denuncias oportunistas" as do PP, aos que remitiu a un debate electoral para abordar todos os asuntos.
"Benditos problemas", ironizou o deputado nacionalista en comparación co "temporal" do PP e para recalcar que o partido da oposición "non practica o que predica". En todo caso, avogou por aplicar a "transparencia" e invitou a mostrar os gastos das obras e a levar aos xornalistas como testemuñas dos traballos que se realizan en San Caetano.
Pola súa banda, Ismael Rego culpou o PP dunha estratexia "de mentira e manipulación" e sacou a colación "30 audis adquiridos por Fraga ou o investimento de 450 millóns de euros na Cidade da Cultura para beneficiar aos cuñados de Raxoi". Ruiz Rivas concluíu que Touriño supera ao presidente dos Estados Unidos, Barack Obama, en gastos; mentres que Rego replicoulle instándolle a comparalos cos de "Aguirre ou Gallardón", que superan os do mandatario galego.
No canto a Sogama, o deputado do PPdeG fixo fincapé en que "hai once cargos imputados" por supostas "graves" irregularidades de tipo ambiental e denunciou que "nin o conselleiro nin o presidente de Sogama comparecesen" para explicar as verteduras.
Deste xeito, Ruiz Rivas indicou que o "trato de favor" recibido da actual Xunta por Danigal e o feito de que esta empresa "pasase a mans dunha sociedade de capital risco" que "non está controlada por persoa física ou xurídica" fai necesario que "Touriño explique" a xestión da empresa.
Ana Pontón criticou que o PP "non cuestione o que fixo" á fronte da sociedade e recalcou que o BNG pide "a descentralización" dun servizo que "o PP impuxo aos concellos" e considerou que "a Xunta debe elaborar un expediente sancionador".
Rego, que avisou de que "os galegos non lle van seguir (ao PP) por ese camiño" e os colocará no seu sitio (o 1 de marzo), destacou que o actual Goberno iniciou o cambio de xestión de Sogama pero que "en catro anos non puido acabar cos 16 do PP".
Descargar Tarifas