Bandeira de Flandres (Vlaanderen).
Medo aos aviões é como intitula o tamén reintegracionista Jose Ramom Pichel a súa estroboscópica columna no xornal Galicia Hoxe. Medo non, mais sí unha razoábel precaución foi a que me levou a substituír, para as miñas viaxes continentais, ese artificio ideado por Otto Lilienthal -de orixe alemá, igual ca min- por outro se cadra máis dezaoitesco pero tamén máis ecolóxico e seguro: o tren -ese medio de transporte máis coñecido como comboio no galego internacional.
En comboio pois é como últimamente adoito chegar a Bruxelas, arribando na estación de Brussel-Zuid, que é como en neerlandés denominan a estación máis sureña da capital belga; esa que á súa vez nomean Bruxelle-Midi quen prefire facelo na súa versión francófona. Resulta patente a diversidade lingüística desta Bélxica que, nun moito máis efectivo escachizar de botellas, viu segregarse a súa Universidade de Lovaina en dúas partes, dando lugar a unha católica universidade francófona e outra igualmente católica, pero monolingüe flamenga. E ante a vicisitude de ter que repartir equitativamente os seus fondos bibliotecarios tomaron a salomónica determinación de asignar os tomos impares á unha e asignándolle os pares á outra. Qué esaxeración dirán vostedes, qué desmesura; iso dixen eu cando souben do tema. Porén, na comuna belga onde ambos idiomas son oficiais, pois eso: ambos idiomas son oficiais; cousa que non sucede nesa europea Galiza onde o castelán é oficial, e o galego, unha disfunción tolerada.
A primeira parada levoume á Tour Madou, sede -entre outras cousas- das actividades promovidas pola Comisión Europea para formar o seu persoal técnico e os expertos escollidos nas áreas consideradas estratéxicas para o desenvolvemento da eurozona. Non vou negar que o meu ego se multiplicara por infinito sabéndose entre as seleccionadas mentes europeas versadas nesa materia tan gris como a da interoperabilidade semántica -eu dende logo, encantado- mais era outro o meu cometido máis alá de regalar a propia autoestima; continuar o traballo para alicerzar a presenza do software libre e dos estándares abertos no desenvolvemento dos servizos paneuropeos de goberno electrónico o máis visibel e, aproveitando a vantaxe competitiva que nos fornece ser líderes mundiais na promoción dese ben tan prezado pola UE para a súa independencia dos EE UU como son os estándares abertos e o software libre, garantir a presenza de Galiza nesa estrutura meta-estatal tan pouco proclive ao recoñecemento de realidades nacionais alén das definidas polos Estados que a conforman.
Vaia por diante que o meu éxito nesta tarefa é desigual. No IST de Helsinki puiden facelo en plenitude: tratábase de identificar parceiros para participar en futuros proxectos europeos -léase subvencións a fondo case perdido- e nesa circunstancia, ante a posibilidade dun bo negocio, habilítase mesmo o máis cínico cerebro centralista para recoñecer a existencia de realidades nacionais mesmo en ausencia de Estado propio -léase: receita nº 1: sexa vostede competitivo e até o seu Estado propio poderá vender sen medo a perder soberania. Noutras, como a Cimeira Europea sobre Goberno Electrónico celebrada en Eslovenia, tíveno máis complicado debendo circunscribirme ao -non menos lexítimo- traballo de corredor. Nesta, foi gratificante observar cómo o Estado español recorría ás achegas galegas para colocarse a si mesmo no máis alto do organigrama europeo. Pois esta intervención europea non ten por propósito só obter un recoñecemento progresivo da nosa realidade nacional por parte dos demais Estados-membro: en especial un deles -España- debe ser obxecto destacado destas dinámicas, que son máis efectivas cando coa contribución galega se suplen as deficiencias dese Estado-non-nación -lease: receita nº 2: o camiño máis rápido de Galiza a Madrid é o que pasa por Bruxelas. E, en calquera dos dous casos, termos adoptado o padrón ortográfico do galego internacional teríanos beneficiado significativamente.
No evento da Comisión Europea predominaban as gravatas e os foulards complementando os customs de rigor neste evento, estritamente ausentes no seguinte: o FOSDEM 2009. Da Tour Madou á Université Libre de Bruxelles media máis que o traxecto en tranvía que debín percorrer todos os días. Fronte ás gravatas, rastas; fronte aos uniformes -e maiormente cutres- traxes, camisetas dos máis variados proxectos de software libre; e fronte ás ríxidas categorizacións baseadas no caracter estatal das nacións: curiosidade e tolerancia. Así o demostrou a comunidade Debian, por exemplo, que nos tratou igual que a calquera outra lingua, e que demostrou estar tan ao tanto da nosa problemática como a que afecta a outros idiomas de maior extensión. Igualmente sucedeu coa comunidade Mozilla, da que -tras resolver as xa coñecidas vicisitudes- acóllenos como un membro máis dos que a conforman.
Do SEMIC na Tour Madou ao Fosdem na Université Libre de Bruxelles; un tránsito entre dous mundos paralelos nos que o software libre e os estándares abertos actuaron como demiúrgos desa célula de universalidade que disque o pobo galego é. Afírmao Javi Vázquez de Igalia -dunha cooperativa galega que tamén estivo presente no Fosdem-: o software libre é un movemento intelixente, que fornece unha nova oportunidade para superar as tradicionais barreiras xeográficas de cara a podermos ser competitivos nesta sociedade cada vez máis caracterizada polo inmaterial da súa produción.
Competitivos economicamente, pero tamén social, cultural e políticamente. E mediaticamente tamén; se o centralismo lingüístico convoca unha manifestación a prol da liberdade do idioma só cabe unha resposta intelixente: convocar outra pola liberadade do PROPRIO idioma e gañar -sobradamente- en número. Demostremos ser máis competitivos e mediaticamente -que é o que importa- a razón quedará da nosa parte; lamentabelmente, as estatísticas xa o están, dende aquel premonitorio informe dramático. Mais con independencia diso comezemos a telo claro: ao galego só lle quedan dúas saídas: unha á flamenga, estabelecendo un apartheid ou reserva lingüística. Outra, a única económicamente viábel: acometer a inevitábel reforma ortográfica que nos converta de facto nun idioma de ámbito internacional. Calquera outra opción terá as mesmas consecuencias que a de escoller software privativo: pan -reseso- para hoxe e fame -neghra- para mañá.
Entre traxes e camisetas; entre institucións oficias e comunidades do software libre; entre sistemas verticais e horizontais; entre os xerárquicos e os descentralizados. Non me quedou máis remedio que aprender a nadar entre dúas augas e -vantaxes de ser galego fillo da emigración- a cousa fóiseme dando bastante ben. A chave: atopar o conxunto de intersección e formalizalo empregando os elementos comúns dos respectivos tecnolectos. Por tanto, receita nº 3: en galego-portugués estaremos no mundo -que foi como nacemos a el-; en galego-castelán: desapareceremos -que é o que está, estatisticamente, sucedendo.
Descargar Tarifas