Manuel Vilas . Reaccións políticas aos incidentes: o BNG non ten previsto pronunciarse e o PSOE culpa os independentistas e defende a liberdade de expresión.
Vídeo Manifestación Galicia Bilingüe.
1 / 2
O sector máis urbano do PPdeG asistiu case en pleno á protesta de Galicia Bilingüe. A tiro das cámaras en primeira filas estaban, entre outros, Corina Porro (ex-alcadesa de Vigo), Carlos Negreira (número un pola Coruña), os deputados Igancio López Chaves e Beatriz Mato e varios edís das cidades herculina e viguesa, coma Pilar Farjas.
O grao de respaldo da cúpula aparato popular, tanto galego como estatal, foi enorme. Acudiron o número dous do PPdeG, Alfonso Rueda, e a ex-ministra e actual secretaria executiva de Política Social, Ana Pastor, unha das colaboradoras máis directas de Mariano Raxoi. Alberte Núñez Feixóo chega este luns dende Arxentina, pero deu o seu respaldo á presenza do seus compañeiros de partido.
O sector da boina obvia a manifestación
Unha postura que non comparten os dirixentes do chamado sector da boina, o máis prexudicado na elaboración das listas electorais. Nin o vicepresidente do do PPdeG, Xosé Manuel Barreiro, nin o líder dos deputados ourensáns, Manuel Baltar, se sumaron á protesta de Galicia Bilingüe. Tampouco acudiu ningún dos parlamentarios lugueses e ourensáns considerados máis próximos a posturas galeguistas.
Porro converteuse nunha das portavoces máis demandadas pola prensa. Respondeu con absoluta claridade e en total sintonía co discurso da presidenta de GB Gloria Lago: “o primeiro que faremos ao chegar ao goberno é derrogar o decreto de ensino do galego”.
Porro quere segregar os nenos por linguas
A número dous por Pontevedra tamén reclamou que os pais teñan dereito a elixir a lingua na que estudan os cativos. Trátase dunha reclamación básica para GB, pero asumila equivalería a ter que derrogar o Plan de Normalización Lingüística, aprobado no Parlamento por unanimidade baixo a tutela do executivo de Manuel Fraga.
Corina Porro fixo seu o discurso vitimista de GB. Así, asegurou que a Xunta obriga aos comerciantes a rotular en galego e denunciou que o castelán nas aulas está relegado só as materias optativas.
Ciudadanos e UPyD
O espectro político españolista completouse coa presenza de representantes de Ciudadanos como Albert Rivera e Antonio Robles e, sobre todo, da presidenta de UPyD. Rosa Díez foi a máis crítica de todos contra a política lingüística da Xunta. Así, a deputada chegou a asegurar que agora mesmo no país “estáse conculcado este dereito fundamental” da elección do idioma no ensino.
A diferencia do PSOE, dende o BNG non se emitiu ningún pronunciamento oficial nin ten previsto facer ningún tipo de declaración. E iso que entre a ducia de detidos hai tres militantes de Isca!, organización xuvenil próxima ao Movemento pola Base integrada no Bloque. Estas persoas, segundo a versión de Isca!, foron detidas malia que só protestaban pacificamente disfrazados de vacas.
Iso si, o ex-voceiro nacional Xosé Manuel Beiras acudiu polo serán a concentración en solidariedade coa ducia de detidos. Beiras mesmo chegou a mediar cos antidisturbios, que retiveron aos manifestantes na zona vella.
Postura de NÓS-UP
Unha concentración á que acudiron moitos militantes de Nós -UP. Os indepententistas cualifican de "provocación" a protesta de GB. Tamén piden a dimisión do delegado do Goberno e atacan a pasividade de BNG e PSdeG.
Descargar Tarifas