Eva Estévez . Empezou por casualidade conducindo coches fúnebres e agora, 13 anos despois, fai de todo no tanatorio vigués de Emorvisa. Unha das súas especialidades é a tanatopraxe (maquilla e prepara defuntos). Labora a unha temperatura que oscila entre 6 e 10 graos e asegura que no seu gremio non existe a vocación.
A morte senta ben? Nunca. Que lle inspira? De entrada respecto, e por traballar no que traballo, moitas veces, afán de superación. Cando unha persoa morre non perde os seus dereitos, ao contrario. Eu administro ese último dereito de que o corpo do finado sexa tratado do mellor xeito posíbel. Vostede estudou Filosofía. Filosofa no choio? Un tanatorio é un lugar onde se viven os momentos máis tráxicos do ser humano. É duro? É, porque tratas coa morte e a dor a diario. Temos que facer coma os médicos, non implicarnos para non vernos afectados. O meu cometido é ofrecerlles ás familias seguridade e darlles a confianza plena de que o seu ser querido vai quedar natural. Canto tempo tarda en preparar un defunto? Normalmente entre 40 e 60 minutos. Dependendo do estado no que reciba o corpo podo chegar a tardar entre 4 e 5 horas si teño que facer algún tipo de reconstrución. 13 anos dan para moitos cambios, non? Ao principio chegabas ás casas e dicíanche como tiñas que facer o teu traballo. Cos tanatorios é todo máis profesional, instrumental e aséptico. É un traballo agradecido? Normalmente os familiares agradecen o traballo que facemos ao ver o antes e o despois do finado. Creo que psicoloxicamente é san que miren ao morto. Por que? Para elaborar un dó. Hai xente que si non ve ao seu morto pode chegar a pensar: “marchou sen que puidera miralo”. Quen son máis agradecidos os mortos ou os vivos? (Silencio) Os mortos non poden ser agradecidos pola súa condición. Pero eu sei que lles fago o que eles querían que lles fixese. Apálpase a crise nos tanatorios? A xente morre igual, é certo. Pero moitos deciden recortar gastos ao elixir cadaleito. Aprendeu algo dos finados? A sala de tanatopraxe é o sitio máis democrático do mundo. En horizontal todos somos iguais. Utiliza produtos de maquillaxe específicos? Non. Agora ben, canto máis cara sexa a maquillaxe mellor. Usamos produtos químicos específicos para lavar, desinfectar e conservar os corpos. O de “antes muerta que sencilla” vale incluso despois de palmar, non si? Os defuntos non poden ir de calquera maneira. O rito da morte fainos máis humanos. Cre no outro mundo? Non o sei nin teño xeito de sabelo. Recomendaríalle a outras persoas que se adicasen á tanatopraxe? Nin si nin non. Isto non é unha vocación, é unha profesión.
Ramón Soto.
Descargar Tarifas