Xan Carballa . Paolo Vasile de Tele 5 fala de quebra das grandes cadeas e 'El Mundo' afronta unha reestruturación polo peso da débeda
A caída da publicidade está poñendo no brete aos grandes grupos de comunicación. O peche da varios gratuítos e as reestruturacións de plantillas, como a asinada o pasado martes polo Grupo Zeta, son só unha pequena mostra do ciclón que atosiga o sector. Nunha entrevista ofrecida polo conselleiro delegado de Tele 5, o italiano Paolo Vasile, aseguraba “o sector da televisión non está en crise, está quebrado. Están acesas todas as alarmas. Os que gañaban moito, gañan. Os que gañaban pouco, perden. Os que estaban a perder, perden moito. Se vemos os gastos e os ingresos non podemos seguir así”. Vasile quere centrar as súas críticas nas televisións públicas, que considera que lle fan unha competencia desleal ás comerciais, “tanto na publicidade como na compra de dereitos” e coa complicidade do entrevistador de El Mundo que compara as súas afirmacións coas de Pedro J. Ramírez, fala de que a televisión pública é “unha antigualla e un anacronismo do século XX” . A proposta de Vasile é suprimir de contado a publicidade en TVE2 e pasala de 6 a 5 minutos por hora na Primeira. Segundo Vasile a anterior redución de 7 a 6 minutos formaba parte dun pacto para permitir o paso de Canal + a Cuatro e o nacimento de La Sexta. Ese cambio supuxo transferir ás privadas 77 millóns de euros de publicidade. O xornalista Enric González preguntábase en El País como se pode falar de quebra, “hai que lembrar que Telecinco gañou 319 millóns en 2007 e nos primeiros nove meses de 2008 só 228 millóns”. E acrecenta “hai algo que caracteriza a todas as empresas de comunicación españolas: en canto baixa a súa marxe de beneficio do 20% consideran que a situación resulta intolerábel e que o goberno debe facer algo con urxencia. (...) terse forrado durante dúas décadas non conta nin para Telecinco, nin para Antena 3, nin para Prisa, nin para ninguén. O diñeiro que se gañou xa non existe e aos señores propietarios resúltalles inconcebíbel que en tempo de crise poda precisarse encaixar perdas”. Conflitos políticos con transfondo mediático Algunhas das batallas políticas que se están librando, especialmente a do PP en Madrid e a da substitución forzada de Mariano Raxoi, teñen un transfondo nas fortes crises dalgúns grupos. Considerando que a aposta de Zapatero, segundo algunhas opinións, sería por Mediapro e o seu tandem Público e La Sexta, ante o cal Prisa apostaría por Gallardón, o tándem COPE e El Mundo xogaría a carta de Esperanza Aguirre. Cacho asegura que El Mundo está en venta porque a débeda de Unidad Editorial duplica o valor de RCS Media Group na Bolsa de Milán, “a menos que Aguirre o remedia, coa toma de poder en Caja Madrid”. Estarían tamén todos pendentes de como se resolve o xuízo que o 20 de abril afronta o presidente de Telefónica, César Alierta, pola suposta información privilexiada ao seu sobriño na venda das accións de Altadis, antiga Tabacalera. A suposta saída de Alierta, que non accedeu a mercarlle Digital Plus a Prisa ao prezo pedido polo conselleiro delegado Juan Luís Cebrián, estaría tamén no punto de mira. Cacho asegura que “na recámara está Javier de Paz, íntimo de Zapatero e do grupo de Jaume Roures. Se ese recambio se dese [na presidencia de Telefónica], o grupo Polanco podería darse por morto definitivamente e a súa derradeira carta sería levar a Gallardón á Moncloa”. Esaxerado seguramente, pero nestas semanas empeza a verse como modelo a estudar a recente axuda de 600 millóns de euros que Sarkozy acaba de lanzarlle aos medios de comunciación franceses.
Sen cartos polo medio, o asunto non sería máis que de liñas editoriais, pero un xornalista como Jesús Cacho, que traballou nos dous grandes rotativos en pugna di que “hai tempo que deixaron de facer periodismo sen máis, para empregarse en operacións de Poder susceptíbeis de afectar á conta de resultados”.
Descargar Tarifas