Europa Press . O Instituto de Crédito Oficial (ICO) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) colaborarán para apoiar os investimentos das pequenas e medianas empresas en 2009, a través dunha liña de avais coa que confían mobilizar até 500 millóns de euros.
Así o avanzaron o presidente do ICO, Aurelio Martínez, e o titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, tras a sinatura do convenio subscrito entre ambas as dúas entidades, o cuarto na presente lexislatura. Esta actuación enmárcase no Plan Xeral de Fomento Empresarial do ICO, que prevé poñer a disposición do tecido produtivo 10.900 millóns de euros e, á súa vez, integra a liña Icopeme, dotada de 10.000 millóns. O seu obxectivo é que as pequenas e medianas empresas (pemes) asuman o 60 por cento do investimento, mentres que a entidade estatal cubrirá a porcentaxe restante co fin de achegar liquidez para satisfacer as necesidades derivadas da adquisición de bens de equipo e outras operacións. Segundo manifestou o presidente galego, a finalidade é "lograr alcanzar os 500 millóns de euros de capitalización de recursos" a través do conxunto de iniciativas de fomento empresarial. Neste sentido, destacou que en 2008 o Goberno galego captou "case o 5 por cento" do financiamento do ICO. Pérez Touriño subliñou que a Xunta, a través do Igape, se "adiantou" ao impulsar en setembro de 2008 unha liña de avais de até 500 millóns de euros dirixida a achegar liquidez ás 22 entidades financeiras que operan en Galicia. Esta liña, como asegurou, está a ter resultados que se apreciarán entre decembro e xaneiro. Outros 1.000 millóns en reserva Pola súa banda, o responsábel do ICO apuntou que de esgotárense os fondos previstos por ambas as dúas liñas de liquidez, estatal e galega, se mobilizarían 1.000 millóns de euros, un importe que cualificou de "moi respectábel". Ademais, destacou que en breve se ampliará o montante total, cunha terceira disposición da entidade estatal. O presidente galego avanzou ademais que no consello da Xunta de hoxe ou da próxima semana se aprobará a liña de 100 millóns de euros en axudas directas para pemes e o reforzo dos avais que pretenden capitalizar as sociedades de garantía recíproca. Pérez Touriño recordou que o compromiso do Goberno galego en 2009 é mobilizar en todo o exercicio ao redor de 2.000 millóns de euros.
Sinatura do acordo de colaboración entre o ICO e o Igape.
O máximo responsábel do ICO atribuíu a "problemas loxísticos" o atraso das entidades financeiras en acceder á liña dirixida a achegar a liquidez que precisan e que está dotada de 10.000 millóns de euros.
Segundo explicou, a necesidade de adecuar os sistemas informáticos, é dicir, de desenvolver un software específico para que o Instituto de Crédito Oficial lles permita acceder aos recursos, atrasou a posta en funcionamento desta medida. Non obstante, asegurou estar "convencido" de que todas as entidades financeiras subscribiron os convenios e se atopan agora mesmo "solucionando os seus problemas operativos".
Neste sentido, engadiu que "terán liquidez" e non existirán "restricións" ou "cotas por entidades ou comunidades autónomas", senón que dependerá da "axilidade" e "capacidade operativa" de cada un dos demandantes.
Sobre a dificultade de acceso ao crédito de empresas e autónomos, Martínez asegurou que ese é un problema de "solvencia" e que son as entidades financeiras as encargadas de avaliar a capacidade de devolución dos empréstitos. "Este ano non haberá tantos problemas de liquidez, senón de solvencia", aseverou.
Por iso, indicou que o ICO asumirá "riscos" por primeira vez e, ademais de "dar liquidez", cubrirá ata o 5 por cento de morosidade das pemes. "Que fai a entidade financeira?", cuestionouse para afirmar que debe analizar cada solicitude.
Sobre este asunto, lembrou que os propios bancos recoñeceron asumir riscos "por enriba do razoábel" como consecuencia dun "boom do crédito", polo que o proceso de recuperación será máis longo.
Descargar Tarifas