E. P . A Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos anunciou que terá listo en "próximas datas" o novo Plan Galego de Acuicultura, unha vez que se conclúan e remitan os informes externos que deben chegar do Goberno central e de diferentes departamentos autonómicos.
Aínda faltan unha memoria final da situación ambiental, elaborada por Pesca e Medio Ambiente, e un informe de Urbanismo, de Política Territorial, segundo lle explicou a Europa Press o secretario xeral de Pesca, Miguel López Sieiro, quen afirmou que o Plan Acuícola situará a Galiza como "líder mundial" da acuicultura. O PPdG veo "inviábel" Pola contra, o PPdeG advertiu da inviabilidade de que o plan sexa aprobado nas próximas datas, polo "amplo rexeitamento" que se produciu (1.001 alegacións fronte ás tres do goberno anterior). O voceiro de Pesca do grupo parlamentario popular, Xosé Manuel Balseiro, prognosticou que non estará antes das eleccións xerais de marzo de próximo ano "nin despois", e reprobou o "atraso" da súa aprobación, que mantivo durante dous anos ao sector acuícola "paralizado". As consecuencias ambientais Varias asociacións ecoloxistas reclamáronlle ao Goberno galego a retirada do Plan Acuícola, contra o que organizaron varias manifestacións, a máis multitudinaria o 4 de novembro en Corrubedo con miles de participantes. O seu rexeitamento débese a que consideran que o proxecto é unha "expropiación salvaxe" do litoral, onde os "únicos beneficiarios" son as multinacionais estranxeiras.
Prevese un crecemento da produción de até 25.000 toneladas de peixe, que carrexaría a creación de máis de 2.000 novos empregos (un por cada 11 toneladas). O Plan realizará un investimento de máis de 390 millóns de euros.
O secretario xeral de pesca sinalou que están case listas as respostas ao millar de alegacións presentadas ao Plan Acuícola, que a consellaría decidiu contestar "unha por unha". Pola súa parte, a conselleira, Carmen Gallego, atribuíu a cantidade de alegacións (714 na zona de Laxe Bravas) á "grande difusión" que se lle está a dar ao Plan, que contrapuxo ao "escurantismo" do anterior, aprobado polo Goberno do PP en 2005 cando xa estaba en funcións.
O director xeral de Recursos Pesqueiros, Antonio García Elorriaga, lembrou tamén que o plan do PP estivo a metade de tempo en exposición pública que o actual, e non foi exposto en internet, senón só nunha sede da consellería, mentres que o novo plan se expuxo en catro, e lle foi notificado 104 entidades. Indica que moitas das alegacións son a prol do Plan, e outras son redundantes.
Recordou que a conselleira de Pesca dera como primeiro prazo o primeiro semestre de 2007, mais foi aprazado, posteriormente, para finais deste mesmo ano. A Consellaría de Pesca reprochoulle a Balseiro esta recriminación "cando o PP tardou 16 anos e, finalmente, o fixeron tarde, mal, arrastras e pola porta de atrás".
Balseiro lembrou tamén que o Plan recolle 18 parques que xa estabelecía o anterior, e atribúella ás oito novas instalacións programadas por Pesca o millar de alegacións. A única solución, para os populares, pasa por permitir instalar piscifactorías en espazos Rede Natura.
A Plataforma ambiental de Corrubedo alertou en numerosas ocasións que o plan non conta con ningún estudo de impacto ambiental dos residuos, que se sitúa a centímetros de zonas protexidas, e non ten planificado un sistema de depuradoras dos afluentes destas fábricas. Adega insistiu en recordar que un informe da Organización das Nacións Unidas para a agricultura e a alimentación (FAO) fai fincapé dende hai doce anos en que as instalacións acuícolas deben ter en conta os límites da vertedura que xeran por medio dun tratamento preventivo e os límites económicos.
Mais a consellaría insiste en que o Plan Galego de Acuicultura aposta polo respecto ao medio ambiente e obrigará a que todas as plantas acuícolas que se poñan en marcha cumpran con todos os criterios ambientais necesarios. Asegura que se busca o desenvolvemento dunha actividade acuícola "sustentábel e coidadosa" co medio ambiente. Ademais, subliñou que o Plan Acuícola supón a ocupación dun 1,8% de espazo integrado na Rede Natura, fronte ao 27% previsto polo plan anterior, elaborado polo PP.
Descargar Tarifas