Redacción . O Centro de Urxencias 112 Galiza –dependente da Consellaría de Presidencia– informou de que durante a pasado fin de semana atendeu un total de 18.339 chamadas e xestionou 4.449 incidencias, e puntualizou que 'non deixou ningunha sen atender'.
.
Deste xeito replicoulles aos dous membros do comité de empresa de Atención de Emerxencias 112 que atribuíron á súa "precaria" situación laboral que "unhas 200 persoas" non lograsen contactar co servizo durante o temporal que azoutou Galiza a fin de semana e que, polo tanto, esas urxencias non fosen atendidas.
Fronte a isto, a Xunta asegurou que "todas" as incidencias foron "atendidas e xestionadas", para o que se mobilizaron máis de 5.700 recursos de urxencia. En concreto, o 112 detallou que durante os días 23, 24 e 25 de xaneiro se incrementaron non só as chamadas, senón tamén o volume de incidentes.
Así mesmo, recoñeceu que aumentou o tempo de resposta á cidadanía debido "en gran parte" a que se trataba de incidentes que requirían un "tempo maior do habitual" para ser explicados, sobre todo para situalos xeograficamente.
A maiores, explicou que os danos ocasionados polo temporal na rede de telefonía e subministración eléctrica tamén afectaron á propia actividade do 112 Galiza, xa que en ocasións fixeron complexa a comunicación cos distintos recursos de urxencia. Finalmente, recalcou que en previsión do temporal, o 112 Galiza reforzou as súas quendas desde primeira hora da mañá do día 23.
Descargar Tarifas