PUBLICIDADE
Mércores, 10 de marzo de 2010
Temporal
O 112 achaca a súa situación 'precaria' que 200 chamadas non fosen atendidas

Redacción .  Dous membros do comité de empresa de Atención de Emerxencias 112 atribuíron hoxe á súa 'precaria' situación laboral que 'unhas 200 persoas' non lograsen contactar co servizo durante o temporal que azoutou Galiza a fin de semana e, polo tanto, esas urxencias non fosen atendidas.

Reloxo 28.01.2009 | 15:28
TAGS: 112 , emerxencias , temporal ,

Traballadores do 112 durante unha protesta Traballadores do 112 durante unha protesta. AGN En rolda de prensa, o secretario do comité de empresa, Óscar Valladares, apuntou que se chegaron a rexistrar "máis de 90 chamadas en espera durante minutos", mentres que "normalmente, se responde en dous segundos". No entanto, admitiu que "un día normal, hai 400 chamadas" e, só o sábado, recibíronse "máis de 1.900".

Esta situación produciuse, segundo explicou, a pesar de que "todos os postos de recepción de chamadas estaban cubertos", xa que os responsábeis da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) lles pediron aos traballadores que se presentasen "voluntariamente a traballar". "É unha improvisación constante", criticou, e denunciou que o persoal traballa "coma se fosen voluntarios, no sentido máis estrito da palabra".

'Non somos voluntarios'

"E non somos voluntarios", incidiu o sindicalista da CIG, e ironizou con que se lles pagasen as horas extra "sería unha sorpresa". "Só nolas pagaron unha vez, as dos incendios de hai dous anos, e non foi a nosa consellaría –Presidencia–, senón a de Medio Rural", evidenciou.

Neste sentido, Valladares denunciou a "mala política laboral" da axencia, que provoca "cansazo" no persoal e que o servizo "funcione peor" . Por iso, reclamou unha "correcta redimensión do persoal", unha "regulación real das quendas de traballo" e un salario "adecuado" ao traballo que se realiza.

Culpábeis

Os dous membros do comité de empresa do servizo de urxencias que compareceron hoxe ante os medios, Óscar Valladares e Marcos Domínguez, responsabilizaron desta situación o xerente de Axega, Francisco Echeverría; á directora xeral de Protección Civil, María Esther González Saavedra; o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, responsábel deste servizo; e o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, porque "non quere saber nada".

De feito, os sindicalistas da CIG anunciaron que porán en marcha unha campaña de información para "sinalar os culpábeis" e, en concreto, entenderon que "quen bloquea" as melloras para o persoal "é a Administración autonómica". "A empresa aceptou un principio de acordo, que non se asinou porque a Administración non acepta a subrogación", evidenciaron.

"A Administración marca unhas pautas para a contratación dos servizos públicos e é consciente de que non se cumpren os mínimos porque reciben informes", insistiron, á vez que criticaron que se desvincule" dos problemas deste sector "porque non lle interesa". "Pero os nosos problemas redundan en problemas para a cidadanía", advertiron.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río