Redacción . O Saló del Cómic de Barcelona, a Feira de Angoulême ou a apertura dunha BDteca na Biblioteca Ánxel Casal compostelá serán algúns dos fitos deste 2009 para os cadriños galegos.
María Xesús López Escudeiro, Ánxela Bugallo e Luís Bará presentan a programación 'Galiza 2009: Tempo de BD'
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, e a delegada provincial da Consellaría de Cultura e Deporte en Pontevedra, María Xesús López Escudeiro, presentaron onte a programación especial sobre Banda Deseñada prevista para 2009, "Galiza 2009, tempo de BD", que arrinca precisamente na cita máis importante da historieta en Europa: o Festival Internacional de Banda Deseñada de Angoulême (Francia), do 29 de xaneiro ao 1 de febreiro.
Por segundo ano consecutivo, Galiza conta cun espazo propio no festival. Un dos actos centrais do programa é a inauguración da mostra "Dez anos de BD galega", un percorrido pola vida da banda deseñada en Galiza. Na recepción deste xoves 30 de xaneiro ás 12.00 repartiranse un milleiro de folletos, mentres que outros mil quedarán na oficina de turismo da cidade xunto con 500 catálogos sobre a ilustración en Galiza. Van varios membros da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) como Javier Montes e David Prieto, e por Cultura, María Xesús López Escudeiro.
"Galiza 2009, tempo de BD" foi unha programación elaborada pola Mesa pola Banda Deseñada, (a Consellaría, a AGPI, o Consello da Cultura Galega, a Asociación BD Banda, as Bibliotecas Municipais da Coruña, Viñetas desde o Atlántico, o Salón do Cómic de Cangas, as Xornadas de Banda Deseñada de Ourense e, dende o 2009, a Federación de Libreiros de Galicia).
Outras das citas máis salientábeis son as xornadas monográficas do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que inclúen obradoiros sobre a utilización didáctica da BD para o profesorado, obradoiros de creación de BD para alumnado da ESO e mesas redondas e clases maxistrais da man de Pasqual Ferry, Miguel Rocha e Max. A mostra "Personalidades múltiples" explora as múltiples personalidades artísticas deles tres e doutros artistas, coma Andrés Meixide, Xosé Tomás, Kiko da Silva, David Rubín e Jacobo Fernández.
Xa no mes de marzo, inaugurarase a Bdteca de Santiago de Compostela, na biblioteca Ánxel Casal, que conta cunha colección de 3.000 exemplares de banda deseñada de todos os xéneros, na que o cómic galego ten unha presenza especial con máis de 300 volumes. Haberá tamén un programa estábel de actividades de promoción e difusión da BD, que incluirá exposicións, clubs de lectura, presentacións de novidades, encontros e actividades profesionais, traballo sobre o uso pedagóxico da BD, obradoiros para o alumnado e para público xeral, actividades formativas para profesionais, profesorado e bibliotecarios/as, etc.
Galiza no Saló de Barcelona
Do 29 de maio ao 1 de xuño, Galiza será a convidada de honra no Saló del Cómic de Barcelona, o evento máis importante neste ámbito en toda a Península. Galiza acadara xa un gran recoñecemento na edición pasada, como demostran os Premios do Público do Saló 2008, concedidos aos creadores Antonio Seijas e Alberto Vázquez, así como á revista Retranca.
Nesta edición, Galiza conta cun stand central e máis cun stand de venda para as editoras galegas. Haberá dúas exposicións dentro do recinto da feira e unha terceira na cidade. Unha representación de autores galegos, de festivais, de editoras e de librarías participarán en diversas actividades en colaboración coas bibliotecas de Barcelona e con outras entidades galegas e catalás.
Descargar Tarifas