Estamos sentados nunha mesa moi longa, nun salón propiedade dun reverendo da Igrexa Libre de Escocia. Haberá como unhas oitenta persoas de todas as idades, e tamén algún que non o é, como o vello John Moore, colocado ao meu carón e ripándome talladas do meu prato cando me despisto.
— Vas parar? Vasme deixar sen probar as
haggis, John. Que necesidade tes de comer?
— Levo máis de cen anos facendo isto todos os 25 de xaneiro, e non o vou deixar só porque ti viñeses á cea sen xantar, comellón. Ourensán!
— Home, eu viña aquí pra comer as haggis, e estasme deixando sen nada.
Interrompeu a nosa discreta retesía o chinclar dunha copa: un dos comensais púñase en pé e facía un discurso sobre a actualidade da poesía de
Robert Burns. Ao mesmo tempo, unhas 100.000 persoas púñanse tamén en pé pra falar ao longo e largo de Escocia, e ata medio millón se contamos as ceas que se exportaron a Inglaterra, Australia ou, sobre todo aos Estados Unidos.
Apúntame John cun golpe no cóbado: "remarca ben iso dos Estados Unidos". Os Estados Unidos teñen prohibida a importación de haggis, estas chanfainas de avea e desfeita de año, alimento nacional de Escocia e prato fundamental das homenaxes a Robert Burns. Hai algunhas empresas estadounidenses que as producen naquel país, pero os numerosos descendentes de escoceses —entre eles Obama e McCain— queren auténticas haggis producidas con ovino de Escocia. Así, o tema dos controis específicos desta importación é un
punto recorrente nas conversas comerciais e sanitarias entre o Reino Unido e os norteamericanos, agora bloqueadas porque os británicos colecciona todas as enfermidades cárnicas posibles: a lingua azul, as encefalopatías de vacas e de ovellas, a febre aftosa do porco, etc.
O acto iniciárase con solemnidade, ao entrar nunha bandexa de prata unha xigantesca haggis. O oficiante deu un discurso breve e recitou
un dos poemas máis coñecidos de Burns, precisamente o que está dedicado a estas morcillas, e o que dá pé aos
Burns suppers. Despois veu o discurso sobre a actualidade de Burns, despois un debate entre homes e mulleres, e logo un poema longo —neste caso o de
Tam o'Shanter— que recitan por quendas varios dos comensais. Robern Burns, poeta escocés en
lingua escocesa e tamén en lingua inglesa, nacía hai exactamente 250 anos en
Alloway, no sur de Escocia. Así que este ano 2009 é un pouco especial.
— É sorprendente tanta mobilización nacional por culpa dun poeta — coméntolle a John mentres pelexo con el pola clásica gornición de nabos e patacas coa que se acompañan as haggis.
—
Bueno, no teu país tamén facedes iso, non? Non tedes un día onde se para todo pra falar dun escritor?
Teño que recoñecer que en poucos países do mundo se festexa o feito literario con tal profusión de actos como se fai en Escocia ou Galicia. Quizais se puidésemos institucionalizar os galegos que o
Día das Letras fose tamén o Día da Empanada, sería aínda mellor, iso si.
— Veña, imos bailar — dime John, mentres aproveita pra roubarme un pedazo máis de queixo que, acompañado de galletas, consiste na única sobremesa posíbel nunha
Burns supper. E aló imos, á tradicional
céilidh. Pero do que se baila nunha ceilidh xa falaremos outro día.