PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
'The Hour We Knew Nothing of Each Other' de Peter Handke
A praza pública sobe ao escenario

Manuel Xestoso Peter Handke presenta en Londres unha obra con 450 personaxes e sen diálogos

Reloxo 03.04.2008 | 17:31

The Hour We Knew Nothing of Each Other

Compañía: National Theatre (Londres)
Dirección: James Macdonald
Elenco: Susan Brown, Jessie Burton, Pip Carter, Paul Chesterton, Lisa Dillon, Callum Dixon, Noma Dumezweni, Susan Engel, Susannah Fielding, Mark Hadfield, Amy Hall, Daniel Hawksford, Tom Hickey, Richard Hope, Mairead McKinley, Nick Malinowski, Shereen Martineau, Justine Mitchell, Daniel Poyser, Adrian Schiller, Amit Shah, Sara Stewart, Giles Terera, Jason Thorpe, Harry Towb, Simon Wilson, Sarah Woodward
 
A sempre estimulante temporada teatral londiniense vive estes días unha pequena convulsión. O pasado febreiro estreouse unha nova montaxe –a cargo do National Theatre e baixo a dirección de James MacDonald– da obra The Hour We Knew Nothing of Each Other (A hora en que non soubemos nada os uns dos outros), de Peter Handke. Trátase dunha peza que bate contra a incomprensión dunha parte do educado público que asiste ás estreas da prestixiosa institución inglesa e que recibiu críticas tan dispares coma apaixonadas. A razón? A obra de Handke consiste, basicamente, en 450 personaxes –aos que dan vida un elenco de 27 actores– que vagan arredor dunha praza, sen dicir unha soa palabra na hora e tres cuartos que dura a función. No canto de atopar unha obra teatral no sentido clásico do termo, os espectadores contemplan un fragmento de vida, un anaco do mundo trasladado ao escenario. O que a audiencia pode observar correspóndese co trasfego habitual que se pode encontrar en calquera espazo público.
 
O espectador avezado, non obstante, constata que Handke logra destilar un abraiante conglomerado de emocións e experiencias a través das brevísimas aparicións dos seus personaxes, mantendo un sosegado equilibrio entre gravidade e humor, entre traxedia e comedia, entre transcendencia e futilidade. A vaidade, a desesperación, o amor, o odio, a amizade, o rancor, a compaixón, a soidade, a envexa… desfilan polas táboas do teatro, nun emotivo retrato de grupo do ser humano que pretende ser, ao mesmo tempo, un himno e unha elexía. Entre o ecléctico grupo de figuras que fan as súas fugaces aparicións polo escenario hai varredores, unha parella de recén casados, bombeiros en prácticas, travestís, borrachos ouveadores, homes de negocios que bulen cara aos seus postos de traballo ou que toman un tempo para xantar, amas de casa camiño do mercado, practicantes de footing, colexiais máis ou menos desocupados, policías, skaters, un equipo de rodaxe, turistas, pescadores, ladróns, operarios, azafatas, funcionarios… Déixanse ver, tamén fuxidiamente, Moisés, Tarzán, o Gato con Botas e o Papaxeno de A frauta máxica. Fórmase unha cola –non sabemos para que– e en poucos minutos esmorece. Unha muller chora. Un home morre dun ataque e, en canto a ambulancia o leva, unha parella entra excitada nun portal para facer o amor bestialmente.
 
Unha celebración da calidoscópica diversidade humana? Sen dúbida; pero tamén algo máis. En realidade, Handke apunta a unha revolución da nosa forma de mirar. Segundo unhas declaracións do propio autor reproducidas no programa, a obra foi concibida nunha praza preto de Trieste, onde pasou todo o día observando e onde todos os pequenos detalles “se converteron en significativos, sen seren simbólicos”. Precisamente é esta carencia de simbolismo, a distancia que existe entre o ton desta obra e o discurso alegórico, a que nos compele a fixarnos na humildade das accións representadas, que translocen vigorosamente a relación entre os personaxes e a súa significación. Obrigados a presenciar escenas cotiás que suceden ao noso arredor todos os días, os espectadores tomamos conciencia do teatro coma espazo creador de ilusións, mais ilusións con fasquía de realidade. A nosa mirada deambula polo escenario fixándonos nos pequenos detalles que habitualmente pasan inadvertidos. Conscientes de que albiscamos só un espellismo, atopámonos coa materialidade da vida diaria. A nosa visión convértese na do pintor, atendendo sempre aos pormenores mínimos da realidade para captar a súa esencia máis profunda. O que estás vendo es ti, máis tamén algo que te transcende, dinos Handke.
 
Xa en 1980, na súa novela A doutrina do Saint-Victoire, Handke reparaba na pintura de Cézanne como exemplo dunha arte que mostrase o invisíbel. Nela, o protagonista, fascinado pola obsesión por ver do pintor –que nos derradeiros anos da súa vida pintou o monte Saint-Victoire unha e outra vez– lembra que este, negando que pintase “do natural”, describía os seus cadros como “construcións e harmonías que gardaban un paralelismo coa natureza”. En consonancia con este criterio, a concepción da literatura de Handke aspira á obxectividade absoluta e ansía, flaubertianamente, unha obra na que estea ausente a historia. O seu texto ideal está construído a partir de mínimas anécdotas minuciosamente descritas, xustamente porque pretende fixar na escritura o incesante devir do mundo. Ou dito doutro xeito, conseguir que a banalidade se converta en desvelamento. The Hour We Knew Nothing of Each Other resulta, vista dende esta perspectiva, unha das cimas do seu teatro.
 
Nunha época na que o consumo visual substituíu definitivamente a contemplación, a obra de Peter Handke constitúe un concentrado antídoto contra a trivialidade, unha revelación fulcral da nosa posición no mundo. Debido a que a conmovedora vulnerabilidade da vida que se nos descobre nesta obra é ordinaria –mesmo vulgar–, a súa translación teatral –literaria– engrandécea. Dignificada por esa extraordinaria transmutación que chamamos arte.

Vetado en París, reivindicado en Londres
A crítica, malia as obxeccións que se lle apoñen ao experimento dramático de Handke, destaca que esta versión de The Hour We Knew Nothing of Each Other é a máis completa das que se fixeron –moi poucas, dada a envergadura da montaxe– dende a súa estrea en Viena en 1992. A proverbial competencia de actores e técnicos británicos consegue que a complexa mecánica desta obra se converta nunha perfecta coreografía que funciona coma un impecábel engrenaxe.
 
Pero ademais, a montaxe do National Theatre ten unha inopinada lectura política. En 1996, a Comédie Française –o equivalente francés do National– vetou a montaxe dunha obra do autor austríaco despois de que este asistise ao enterro do dirixente serbio Slobodan Milosevic. Varios medios de comunicación europeos amosáronse inclementes co escritor. Le Nouvel Observateur acusouno incluso de negacionismo e de aprobar o masacre de Srebrenica e outros crimes de limpeza étnica levados a cabo durante a guerra dos Balcáns. En realidade, Handke afirmaba exactamente o contrario de aquelo do que se lle acusaba. “Existían campos intolerábeis nas Repúblicas iugoslavas, entre 1992 e 1995, sobre todo en Bosnia. Pero, xa está ben de ligar mecanicamente eses campos aos bosníaco-serbios: tamén había campos croatas e campos musulmáns e eses crimes tamén serán xulgados ante o tribunal de Le Hague”, declaraba daquela.
 
Handke, como defensa ante “a manipulación de certos medios europeos” presentou unha querela contra Le Nouvel Observateur que foi fallada ao seu favor o pasado decembro, aínda que case que ningún medio informativo dos que o acosaron entón se fixo eco da noticia. Un duplo acerto dos británicos.
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río