H. Vixande . Corina Porro, segunda na lista do PP en Pontevedra, anuncia que abandonará o partido se Feixóo non derroga o decreto do galego no ensino
Corina Porro anunciou que marcharía do Partido Popular no caso de que Feixóo non derrogue o decreto do galego no ensino. A ex alcaldesa de Vigo fixo a súa aposta no decurso dun acto no que tamén participaron o portavoz do PP no Senado, Pío García Escudero, e o propio secretario xeral do PP galego, Alberte Núñez Feixóo. A promesa realizada por Corina Porro chega despois de que en varias ocasións Núñez Feixóo asegurase que unha das primeiras medidas que tomará se accede ao Goberno galego o 1 de marzo sería derrogar ese decreto. O PP asegurou que deixará como está a Lei de Normalización Lingüística, aprobada unanimemente polo Parlamento en 1983, cando o presidente da Xunta era Xerardo Fernández Albor (PP). No caso de emular á carismática dirixente do PP en Euskadi, María San Gil, Corina Porro deixaría un baleiro aínda maior no seu partido que a política vasca; a saber: o seu posto de concelleira e xefa da oposición en Vigo, a vicepresidencia da Deputación de Pontevedra, o Parlamento galego e o seu escano de senadora. Coincidencia con Feixóo Mais Corina Porro corre poucos riscos de ter que optar pola inmolación. Respecto o decreto do galego, Feixóo é da mesma opinión que a súa. Ademais, a vitoria electoral é algo que podería non figurar nas posibilidades do PP, segundo se extrae das palabras de Mariano Raxoi en dúas ocasións moi recentes. O presidente do PP estatal reservaríalle a Núñez Feixóo o papel de xefe da oposición na perspectiva de prepararse para tratar de alcanzar o Goberno galego dentro de catro anos. “Núñez Feixóo é a primeira vez que se presenta”, lembrou Raxoi nunha entrevista publicada polo diario ABC o domingo 11 de xaneiro, indicando que ten marxe para unha derrota. Sete días máis tarde, Raxoi aseguraba nunha entrevista á cadea Ser que “teño un mandado de tres anos”, en alusión á posibilidade de que a derrota nas eleccións galegas, vascas e europeas precipite a súa caída como líder do Partido Popular. Estas manifestacións reforzarían a tese de que o obxectivo do PP en Galiza non é gobernar. O salto con rede de Corina Porro podería provocar efectos distintos aos que proclama a xefa da oposición viguesa. Un deles sería a renovación da súa desgastada carreira política. Se Raxoi lembraba que Feixóo é a primeira vez que se presenta, non podería dicir o mesmo de Porro. Corina foi candidata do PP á alcaldía viguesa en 2003 e en 2007, tras pasar pola Consellaría de Asuntos Sociais para impulsar a súa imaxe. Tanto hai seis anos como nas últimas municipais, Porro perdeu e só conseguiu a alcaldía de Vigo cando o anterior rexedor socialista, Ventura Pérez Mariño, quedou sen o apoio dos nacionalistas no concello. O paréntese de Corina Porro na alcaldía viguesa serviulle, en 2007, para ser novamente candidata do PP, pero no horizonte de 2011 xa non estaba moi claro que ocupase o mesmo lugar nas listas, a menos que alcance o papel de icona dos populares galegos, tal e como fixo María San Gil no País Vasco.
A candidata do PP, Corina Porro.
Descargar Tarifas