PUBLICIDADE
Xoves, 11 de marzo de 2010
BLOG XABIER CID
Xabier
Cid
Xornalista
200 ANOS DA BATALLA DE ELVIÑA
John Moore celebra o seu cabodano
De como John Moore fala por unha vez de si mesmo, e do que pasou na Coruña o 16 de xaneiro de 2009, e de todo todo o que pasou despois.
 16.01.2009 | 07:56

John Moore John Moore

—Nunca me falas da túa vida de antes, de como era todo antes de que morreses— pregunteille e enviei un chupo máis de cervexa—. Como era Galicia en 1809?

O vello John mirou prá porta do pub, como pra comprobar que fóra seguía efectivamente chovendo, e durante un par de minutos quedamos os dous en silencio, escoitando a conversa sobre pelexas que mantiñan os homes na barra.

—Non che apetece falar daquilo?

—Non, claro.

—E iso?

—Pois..., xa non o lembro ben.

—Veña, ho, como non o vas lembrar? cantas veces morre un?

John Moore, o John Moore corpóreo que pasou ás wikipedias, faleceu o 16 de xaneiro de 1809, había hoxe exactamente douscentos anos. Viña capitaneando as tropas do rei Xurxo que fuxían do avance francés, e chegou ata A Coruña. Pero xusto antes de embarcar foi ferido e morto polo exército francés en Elviña. Alí, nos xardíns de San Carlos, quedou soterrado entre "sospiros de ardente amor que o vento leva donde Dios sabe só", como anos despois escribiría Rosalía.  Unha Rosalía que lle chama "inglés" nada máis empezar o poema, pra causar estrañeza aos escoceses aos que lles vou atrás con el. "Pero se era de Glasgow!", berran. Si, e alí, nun lateral de George Square, a praza maior da cidade, a unhas poucas iardas de onde baixamos John e mais eu as pintas, está a súa estatua, cunha froliña debaixo.

—Sabes? Se volvésemos a aquel tempo eu estaría do outro lado, do dos franceses...  Eles eran os liberais... Impórtache iso?

—E como me vai importar? Non estou tomando esta pinta contigo?

—Estiven lendo que tamén hai a historia dunha rapaza, a irmá dun dos teus axudantes... Ao parecer levábache todos os anos mapoulas á tumba.

—Si, son cousas que se contan.

—E son verdade?

—Algo houbo, claro, ou pensas que por ser militar escocés non ía poder namorar? —dixo. E despois duns segundos calado, engadiu: — Pero non é todo verdade. Nin sequera o meu axudante tiña irmás...

—Non queres que sigamos falando diso, non?

—Ti pareces parvo. Non se me nota? Antes de morrer e despois de morrer é todo moi parecido. Sentes a mesma soidade, as mesmas alegrías, colles as mesmas cheas aínda que con amigos distintos, e podes pasear polos mesmos camiños escoltados de silveiras e cancereixos. Incluso agora, deste lado, hai moitas vantaxes: as cousas non costan diñeiro, non che bate a choiva nin o vento na cara, nin sentes cansazo, nin tes présa. Pero tamén sei que nin aquí nin os xardíns da Coruña nin en parte ningunha volverei pousar os beizos sobre a caluga de ninguén. E por iso non quero falar.

E despois dun pouco, engadiu:

—Anda, fai algo, vai por outras pintas.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río