Redacción . O Consello da Xunta presentou hoxe un optimista balance da súa administración electrónica na que non se menciona nin unha vez o software libre, malia que a propio Consello aprobou hai tres anos un plan estratéxico –o PEGSI– no que se estabelecía que os programas abertos e a estandarización de contidos deberían ser claves para modernizar a burocracia galega.
Entre os logros que destaca o Goberno galego está “unha innovadora plataforma tecnolóxica orientada a servizos (SOA) sobre a que desenvolverá a relación electrónica cidadanía- administración, dun xeito eficiente, estendendo o expediente electrónico na actividade administrativa”. A creación dun “Comité de Seguridade dos sistemas de información como garante da evolución segura da Xunta no contexto tecnolóxico” e o feito de que o 012 recibise 100.000 chamadas no seu primeiro ano de actividade son outros dos puntos que destaca o executivo. Sobre os proxectos de futuro, Presidencia destaca o Plan Mellora 24 para a creación de novas rutinas de traballo. “Actualmente téñense iniciado 24 proxectos de mellora nos que están implicados o 20 por cento dos centros directivos”, indica o Executivo sobre este conxunto de accións, a maioría centrada na propia avaliación dos procedementos da propia Xunta.
Descargar Tarifas