Redacción . Desde a pasada medianoite, o exército israelí atacou ao redor de 60 obxectivos na franxa de Gaza e matou ou feriu uns trinta milicianos palestinos.
Edificios destruídos en Gaza ao comezo da ofensiva israelí hai máis de un ano
Nun comunicado, o exército hebreo apuntou esta mañá que "as Forzas de Defensa de Israel, incluída a infantaría, tanques, enxeñeiros, artillaría e intelixencia, continuaron operando contra a infraestrutura terrorista de Hamas ao longo e ancho da franxa de Gaza durante a noite". Nesta operación, Israel atacou 60 obxectivos e feriu ou matou 30 milicianos. Pola súa banda, oito soldados israelís resultaron feridos.
A nota detalla que entre os ao redor de 60 obxectivos atacados están un hotel "no que os terroristas se agrupaban para dispararlles ás forzas israelís", dez lanzadeiras de foguetes, quince túneles para o contrabando con Exipto, máis dunha decena de postos de avanzada de Hamas, unhas quince patrullas de milicianos, sete almacéns de armas e unha instalación para a fabricación de armas na vivenda dun membro de Hamas.
Ademais, "ducias doutros obxectivos foron atacados para asistir as forzas terrestres", segundo o parte de guerra. "Durante a noite, aproximadamente trinta operativos terroristas foron golpeados", di a nota.
Estreitan o cerco sobre Gaza
O xeneral Eyal Eisenberg, comandante da operación, declarou que "estamos estreitando o cerco á cidade (de Gaza)" e precisou que as forzas terrestres "están constantemente movéndose", para non converterse en branco fácil para os milicianos.
Pola súa banda, o tenente coronel Yehuda, comandante dun batallón do rexemento de infantería Givati, asegurou que: "en xeral a resistencia non foi significativa. Creo que Hamas xa se repregou". "Estamos actuando con moita forza. A nosa doutrina é tomar as posicións asignadas, expurgar calquera resistencia, e logo abrirnos en abanico o que sexa requirido e repetir o proceso", engadiu.
Descargar Tarifas