PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Jaureguizar
‘Concibo a literatura como un espectáculo’

Lara Rozados Un titiriteiro chepudo que se chama Ricardo, a tortuosa relación co seu pai Leandro, un actor que volve para vingarse da lei que acabou co cinema clásico, o primeiro manuscrito do Hamlet agochado nun pazo de Ribadeo, un globo aerostático, The Globe, limóns que madurecen en soños... Con estes vimbios Santiago Jaureguizar (Bilbao, 1965) tece O globo de 'Shakespeare' (Xerais), novela gañadora do último Premio Terra de Melide.

Reloxo 11.01.2009 | 08:29

Jaureguizar Jaureguizar. Pepe Alvez/AGN

Hai poucos días falabamos con Xesús Constela da fascinación por Shakespeare. Que é o que o atrae deste autor?

A min o teatro, particularmente, os personaxes das súas obras. Quería facer unha novela de personaxes, e era interesante recorrer a Shakespeare.

Esta novela, como outras súas, afonda no mundo do espectáculo. Que conexións hai entre literatura, vida e teatro?

É algo que me interesa moito: concibo a literatura como espectáculo, e máis nestes tempos en que temos a competencia da televisión, de internet, da Wii... Se unha persoa paga 16.50 por un libro, que, cando menos, se entreteña e o pase ben. Xa en Cabaret Voltaire achegábame ao mundo do espectáculo dende esa perspectiva, máis de sala. Tamén estiveron presentes o cinema, que reaparece nesta novela, o circo, n’As horas sucias...

Os mundos paralelos, a figura dun creador que sitúa os personaxes nun contexto e os manexa como títeres... Ten moito que ver co oficio de escritor, non é?

No caso do meu Ricardo, trátase dun creador frustrado, que envexa de Sebe o seu éxito social e artístico. O de Sebe é un debuxo arquetípico, atractivo, con don de xentes... Contra o final da novela xa atopamos que non todo nel é envexábel. Tamén está presente a fascinación de Ricardo polo seu pai, Leandro, o pintor. É un creador frustrado, que ten por todo público a unha prostituta á que lle paga para que vexa os seus espectáculos.

Como teceu o paralelismo da trama coa do Hamlet?

É complicado darlle vida a un personaxe: podes caer no arquetípico, ou, pola contra, conseguir que quede desdebuxado. Sempre constrúo a trama antes de poñerme a escribir, e neste caso o descubrimento do manuscrito é unha liña secundaria do argumento: o que máis me interesaba eran as relacións entre as persoas e como ían cambiando. Vémolo en Ricardo, que pasa da admiración polo seu pai a rexeitalo e mesmo reaccionar violentamente.

A obra afonda tamén nas relacións humanas, sobre todo as de poder, de dominación.

Son relacións moi marcadas pola envexa, pola fascinación, aínda que existen relacións máis sentimentais. É unha ficción, e creo cousas que seguramente non existan, como xente que se prostitúe para non se sentir soa (aínda que si hai xente que recorre á prostitución por este motivo, e por iso lle dei a volta). Hai relacións de dependencia, como a de Sebe coa súa muller: por moi triunfador que pareza, non sería nada sen ela; tamén ela, pouco atractiva, ten envexa do seu éxito e outro tipo de dependencia con respecto a seu home; logo está Rosalía, que, na súa relación con Ricardo, é a parte da parella que si está no mundo. Ela rexéitao, pero non pode deixar de sentir certa fascinación por ese home tan divertido, e que ao tempo fai cousas tan absurdas. Ao cabo, toda a novela circula arredor das arelas que non secumpriron, dos soños dos personaxes.

Falando de soños: de onde vén a teima polos limóns? Que representan no mundo onírico?

Pois, precisamente, moitas das cousas que escribo véñenme en soños. Iso pasoume cos limóns e coa frase “Chámame cando deixe de chover”, que tamén aparece. Os limóns son símbolo da morte en moitas culturas: en China, por exemplo. En Estocolmo, existe unha mesa de cor limón e se sentas alí é só para falar da morte. Mais neste caso, os limóns representan a vida: que Sebe chegue a ser el mesmo.

A novela presentouse a un certame co lema “A segunda das miñas mellores camas”. Por que escolleu este título finalmente?

Estoutro era moito máis simbólico: fai referencia a The Globe, ao teatro de Shakespeare, e amais, Ricardo, cando atopa o manuscrito, fai un primeiro intento de viaxar de Ribadeo a Londres en globo aerostático. Non quería centralo tanto na persoa de Shakespeare (“A segunda das miñas mellores camas” é o que el lle lega á súa muller)

Como se documentou para escribir O globo... Estivo en Stratford realmente?

Fixen unha viaxe a Londres e logo a Stratford uns días. Había moitas cousas que xa sabía, que formaban parte do meu interese polo personaxe, pero para poder contalas mellor foi necesario estar alá.

Hai unha pincelada histórica: o encontro de Sir Francis Drake cun militar de Ribadeo...

Non é unha novela histórica, non quería facela. Non me interesa nin como lector nin como escritor. En Ribadeo estivo un dos terratenentes de Drake, que tivo un encontro cun militar da zona de Asturias. Si que é certo que Shakespeare e Drake se coñecesen, na corte da Raíña Isabel, pero o que segue a partir de aí é unha ficción que constrúo a partir do primeiro manuscrito do Hamlet, esa primeira versión que se perdeu.

“Eu fago literatura popular, non intelectual”, dixo nunha entrevista.

Acabo, precisamente, de estar cun escritor novo, e reprocháballe que introduza demasiada metaliteratura no que escribe. Para lanzar o noso sistema literario temos que pensar que cómpre vender libros, temos que estar nos escaparates. Se o 20% do que se vende nas librarías é literatura galega, por que non poñela ben visíbel? Trátase de que a xente vexa que a literatura galega é algo divertido. Pero hai escritores que soben a un podio e crense por riba dos demais. Eu aspiro a chegar a grandes públicos. Non entendo que haxa escritores que pensan que non deben promocionar o seu libro: se un editor arrisca a publicar o noso libro, cómpre acompañalo. Non entendo tampouco os medios de comunicación que nos incitan a compralos porque son “galegos”, ou as entidades bancarias que se definen como “galegas”, e cando se trata de dar apoio ou organizar un ciclo de conferencias antepoñen un escritor de terceira fila da órbita de Madrid.

En que traballa agora?

Teño dous libros para a serie de Tintimán, un reporteiro de 15 anos que resolve misterios en varias cidades galegas. Os libros, que sairán en marzo, teñen que ver cunha investigación arredor dunha seita en Compostela e co roubo da coroa de Napoleón, esta última ambientada na Coruña. Tamén preparo dúas novelas, unha xuvenil e outra para público adulto.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río