PUBLICIDADE
Sábado, 13 de marzo de 2010
BLOG XURXO ESTEVEZ
Lusofonía e Angolagate
Nunha das ponlas da lusofonía, Angola, a realidade da guerra, deixa tras de si un proceso de corrupción por tráfico de armas que se dilucida nestas semanas en París.
 05.01.2009 | 13:28

Fileira de angolanos nunha urna en Luanda Fileira de angolanos nunha urna en Luanda. REUTERS Esquerda   1 / 2  Dereita  

Aqueles que levamos décadas traballando por aproximar un chisco as marxes tan alongadas das culturas da lusofonía temos que recoñecer unha "conta de resultados" mais ben magros. De analizar o conseguido con criterios empresariais, estaríamos todos –escritores, artistas plásticos, actrices e actores, xentes da música, do audiovisual, etc.– na rúa, despedidos por incompetentes.

Non hai intercambio de produtos no mercado, non hai interese por parte dos públicos atomizados, hai pouco contacto entre criadores e, o que é peor, hai nulo interese por parte das institucións nese intercambio. Galiza, loxicamente, constitúe unha excepción, aquí si que hai ganas por parte dos produtores culturais e por parte das institucións dunha maior permeabilidade. Iso é evidente porque nós teríamos moito que gañar se se nos abrisen os mercados portugués e brasileiro, por exemplo. Mais Lisboa mira a Madrid e no Brasil nin saben que existe un recuncho da “Hespaña”, como dicía Castelao, que fala unha variante da súa lingua, variante do portugués tamén ela.

Mais hai outros campos onde a colaboración entre os países da lusofonía e mesmo a implicación dos seus mandatarios, das súas elites dominantes, do empresariado, si que obtén un excelente balance en canto aos obxectivos alcanzados.

Hai poucos días, un deses campos de colaboración lusitanista está a ser obxecto de un estudo en profundidade, con bisturí, e dunha pormenorizada análise, con lupa. Onde?, Na Universidade, no Centro de Investigacións Científicas, no Laboratorio de Semiótica do Mediterráneo?

O estado angolano xulgado en París

Non, nada diso, a investigación está en mans dos... tribunais de xustiza parisienses! Referímonos ao Angolagate e aos máis de 54 millóns de dólares recibidos por altos responsábeis do goberno angolano no negocio ilícito da venta de armas da Rusia a Angola a través de bancos portugueses.

No contexto da guerra entre o goberno do MPLA (Movemento Popular de Libertação de Angola), que se declaraba "marxista", e os mercenarios da CIA da UNITA, a ONU decretou, no seu día, o embargo da exportación de armamentos a ambos bandos, para mitigar a escalada bélica que devastou o país.
Á fronte da operación de venta ilegal de armas estaba o Sr. Pierre Falcone, un próspero empresario franco-brasileiro, principal acusado no xuízo, xunto ao seu colega Arkadi Gaydamak, un millonario israelo-ruso, para que non falte de nada na apertada xeografía deste acontecemento.

O Sr. Arkadi vive actualmente en Israel e representaba a Rusia na rede de vendas a través da súa empresa ZTS OSOS. Ten pendentes dous mandatos de captura internacionais, un deles referentes a un caso de desvío de fondos no pagamento da divida angolana á Rusia,  investigado na Suíza.

Segundo o fiscal parisiense, os beneficiarios destas comisións millonarias foron  o Presidente angolano José Eduardo dos Santos,  o embaixador Elísio de Figueiredo, o ex-xefe da Casa Civil da presidencia José Leitão, a súa muller e o seu fillo.

Nunha historia tan patriótica non poderían faltar uns cantos altos cargos das Forzas Armadas Angolanas, como os xenerais Salviano Sequeira, Fernando Araújo,  na época conselleiro do Presidente, e Carlos Alberto Hendrick Vaal Neto, actualmente vencellado a unha sociedade do negocio de diamantes.

Menos afortunado, o que fora xefe dos servizos secretos e formaba parte do círculo de íntimos do presidente, o  xeneral Fernando Miala, tamén cobrou as súas comisións mais caeu despois en desgraza por mor dunhas certas ameazas. Cumpre agora condena por "traizón" nunha prisión do país.
O propio acusado Falcone recoñece que cerca de 30 angolanos recibiron fondos en contas no estranxeiro "para a defensa dos intereses nacionais" de Angola  e para renovar os contratos de compra de armamento entre 1993 e 2000.

Os bancos portugueses (incluídas a oficinas lusitanas do BBVA e do Santander, tamén receptoras por meio de bancos que absorberon) non queren facer declaracións ao respeito. Normal, ocupados que estarán en ver onde meter  os nosos cartos que lles están a regalar os nosos gobernos para que eles continúen a facer filantropía e solidariedade, coma neste caso onde se supón que estaban a apoiar o "movemento de liberación nacional das colonias", digo eu.

Mais non se falaba só portugués nestas operacións de colaboración entre empresarios brasileiros, banqueiros portugueses e autoridades angolanas. O caso implica tamén a altas figuras do estado francés por enriquecemento ilícito e tráfico de influencias, como o Sr. Jean-Christophe Mitterrand, fillo do ex-Presidente francés, Monsieur Charles Pasqua, senador e ex-ministro do Interior, e Jacques Attali, economista, escritor e ex-conselleiro de François Mitterrand. É de supor que esta sexa a parte "socialista" do apoio ao proxecto “liberador” para  construír "unha nova sociedade sen clases, onde non haxa ricos e pobres", como explican os documentos do MPLA.

Como dicía Lenin, "o socialismo francés é unha das tres fontes e partes integrantes do pensamento marxista, á par coa filosofía alemá e a economía política inglesa". É bo repasar certos libros antigos, agora que o "Manifesto Comunista" volta a estar de moda nas librerías da civilizada Europa.

Desde que comezou a investigación xudicial, as relacións entre Paris e Luanda pasan por malos momentos. As 70 empresas francesas con negocios en Angola, sobre todo na construción e na banca, sufriron un duro golpe e teñen os seus proxectos paralizados polos mandatarios africanos, á espera do veredicto. A  presión que exerce o goberno angolano é especialmente notábel no caso da petroleira Total, que aspira a multiplicar por tres os seus investimentos. Virán os chineses a cubrir este oco, acabando de completar o mapa "marxista" de colaboración lusófona?

E no entanto, aquí estamos nós pelexando por ampliar as fronteiras para os nosos produtos culturais, dentro de un marco de referencia lóxico e natural, que sería a  lusofonía. Catro libriños, dúas películas e un par de cancións é o noso parco balance exportador. Aínda ben que o que nos move é o amor á arte, porque se dependésemos das comisións e das transferencias bancarias...

Ah! E un aviso para navegantes: por favor, non me saia algún militante anti-imperialista a lerme a cartilla revolucionaria porque "o goberno de Angola tiña dereito a defenderse das agresións imperialistas da UNITA". Do que estou a falar aquí é de como eses xerarcas africanos enviaron a milleiros de cidadáns á morte para manter unha política recadadora de comisións nas súas contas bancarias a cambio de contratos privilexiados coas mafias do armamento entre 1993 e 2000. Esta é a clase que está a protagonizar o "milagre angolano" actual, con as taxas de crecemento máis altas do mundo (12,9 % no ano pasado) sobre a miseria e a masacre do seu pobo. Tanto na  UNITA fascista coma na próspera MPLA de inspiración "marxista". Outra vaca no millo.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río